Escoitar

O Concurso-Exposición da Camelia premiará os mellores exemplares desta flor

As instalacións do Consorcio da Zona Franca acollerán os días 26 e 27 de febreiro a 41ª edición do Concurso-Exposición da Camelia, organizado polo Concello e no que se premiarán os máis destacados exemplares desta flor nas súas distintas variedades.

martes, 8 feb 2005
1107868441camelia.jpeg
As instalacións do Consorcio da Zona Franca no peirao de Bouzas encheranse de cor con motivo da 41ª edición do Concurso-Exposición da Camelia. O certame, organizado polo Concello, está aberto a todas as persoas interesadas nesta flor e pretende ser un mostrario das súas distintas especies e formas.

A exposición inaugurarase o sábado 26 de febreiro ás 19:00 coa lectura do dictame do xurado do concurso, no que se inclúen diferentes galardóns. Así, a "Camelia de Ouro" premiará o concursante máis destacado en todo o conxunto de variedades que presentase. O premio especial "Antonio Odriozola" outorgaráselle á mellor flor, que será exposta nunha mesa especial. Cada concursante poderá presentar un máximo de cinco modalidades, achegando unha soa flor de cada unha delas.

Tamén haberá premios para os mellores lotes de cada unha das variedades, nas que se inclúen diferentes tipos de camelias xapónicas, reticuladas e híbridas, ademais doutras especies de camelia sen diferenciación de cores. Así mesmo, serás galardoadas as mellores presentacións artísticas das flores, soas ou acompañadas doutros obxectos e elementos decorativos.

Por outra parte, a exposición contará cun concurso de escaparates, no que se valorarán a creatividade, novidade e composición dos escaparates decorados con calquera variedade de camelia. Neste concurso poderán participar todos os establecementos comerciais do termo municipal de Vigo que o desexen.

Establécese ademais un premio especial concedido pola Asociación Española da Camelia ao concursante máis destacado dos que participen por primeira vez no certame organizado na cidade de Vigo, con independencia de que se presentase en calquera outra das sedes do concurso.

O prazo de inscrición no concurso está aberto ata as 13:30 do 18 de febreiro. Quen desexe participar poderá inscribirse no Rexistro Xeral do Concello de Vigo, a través dun impreso que se facilitará para este fin. Na inscrición deberán especificarse a modalidade ou modalidades nas que se concursa e a superficie que se precisará para a súa exposición.
Descargar todas as imaxes