Escoitar

O Concello entrega 339.000 euros aos colexios para que autoxestionen o seu mantemento

Os consellos escolares de Vigo disporán de 339.000 para xestionar directamente as obras de mantemento ordinario dos centros de educación infantil e primaria en 2005, segundo aprobou o luns a Xunta de Goberno local.

luns, 7 feb 2005
A xestión directa polos consellos escolares é un sistema polo cal o Concello lles entrega unha parte da partida económica correspondente para que poidan acometer as obras de mantemento, conservación, reparación e seguridade do seu centro, sempre que se traten de obras que non necesiten de proxecto técnico.

A cantidade de 339.000 destinada aos consellos escolares para fins de autoxestión servirá para atender reparacións ordinarias. Estas actuacións inclúen os apartados de alarmas, xardinería, limpeza non contratada, baleirado de fosas e carpintería. Os consellos escolares tamén poderán acometer, entre outros, os traballos de fontanería, pintura, soldadura, albanelería e limpeza de depósitos de auga.

Para distribuír o orzamento xeral previsto, asignarase a cada colexio un número de puntos, resultado da suma dunha serie de baremos dependentes do número de alumnos, a antigüidade e superficie do centro, o feito de que conten ou non con porteiro, comedor ou ximnasio en edificio á parte.

O Concello entregará á dirección de cada colexio a cantidade asignada en dúas partes iguais, unha en marzo e outra en xullo. A fin de evitar un progresivo distanciamento da calidade entre os centros, o Departamento de Educación controlará estrictamente o uso das cantidades asignadas, por medio do seu persoal técnico, os mecanismos propios da intervención municipal e os procedementos ordinarios de inspección de contas previstos na lexislación vixente.