Escoitar

As xornadas de portas abertas no CAT permitirán ao público observar en vivo o traballo dos artesáns

Terán lugar no Centro de Artesanía Tradicional os días 11 e 18 de decembro e consistirán en demostracións en vivo de catro artesáns de recoñecido prestixio.

xoves, 9 dec 2004
1102600323cesteiro.jpg
O concelleiro José Manuel Figueroa e mailo xefe do servicio de Patrimonio Histórico, Rafael Ojea, presentaron hoxe as xornadas de portas abertas no Centro de Artesanía Tradicional (CAT). Ditas xornadas, previstas para os días 11 e 18 de decembro, consistirán en demostracións en vivo con catro artesáns de recoñecido prestixio onde o público gozará en directo do seu traballo e da exposición permanente que alí se exhibe. Obxectos, ferramentas e materias primas estarán presentes nestas xornadas, nas que tamén se darán a coñecer as instalacións e funcións do CAT, centro situado na rúa Subida ao Castelao, 10.

O CAT, creado en 1999, ten como labor principal a recuperación e a difusión de técnicas, obxectos, materiais, coñecementos... relacionados cos oficios tradicionais de Galicia.

Nesas xornadas estará aberta ao público a Casa do Cesteiro na rúa Real para que se coñeza de primeira man todos os pormenores e obxectos artesáns deste oficio. "Serán os artesáns os que nos transmitan as formas tradicionais que herdaron dos seus antepasados, serán eles os protagonistas destas xornadas coa que se pretende sensibilizar ao público en xeral da necesidade de protexer e fomentar unha artesanía tradicional que forma parte da nosa identidade cultural", explicou Rafael Ojea.

O público que queira participar nestas xornadas pode acceder ao CAT partindo da Praza do Rei xunto ao Concello dende onde se sinaliza a ruta a seguir para acceder ás súas instalacións. As xornadas comezarán a partir das 11,30 horas e rematarán ás 14 horas.
1102600323cesteiro.jpg
1102600350ojea.jpg
Descargar todas as imaxes