Escoitar

O Pazo de Castrelos acolle o espectáculo teatral "Ó carón do lume"

Contos de trasgos e ladróns, santos e aparecidos da Galicia tradicional, extraídos dos libros "Á lus do candil", de Ánxel Fole, e "Jardín Umbrío", de Ramón del Valle-Inclán. Isto é o que ofrece o espectáculo teatral "Ó carón do lume", a cargo do actor Javier Veiga. Será no Pazo de Castrelos, hoxe, mañá e o sábado ás 20:30.

xoves, 9 dec 2004
1102600757veiga.jpg
"Ó carón do lume" é un espectáculo teatral que pretende recrear a cultura dos pazos, a cultura tradicional de Galicia. Ó carón do lume da lareira comen, descansan, rezan, cóntanse contos e coinciden os distintos estratos sociais que conviven na casa: os señores, os empregados, os provedores, o cura.

Javier Veiga, encargado de representar esta obra, afirma que nela se produce "unha maridaxe interesante, como dirían os enólogos". Trátase da obra de Valle-Inclán e de Ánxel Fole. Segundo Javier Veiga, "son historias de pequenas aldeas, de pazos, de montes". Historias dun pasado non tan distante onde a cociña e o lume teñen un papel fundamental.

"Ó carón do lume" representarase hoxe, mañá e o sábado ás 20:30 no salón principal do Pazo de Castrelos, cun aforo limitados de 150 persoas. As entradas custan tres euros e están á venda no museo municipal e na Casa das Artes nos horarios habituais das exposicións ata o sábado 11 de decembro.
Descargar todas as imaxes