Escoitar

A Casa da Xuventude reúne os seus artistas na última exposición do ano

A Casa da Xuventude ofrecerá a partir do día 9 deste mes a mostra "Artistas 2004", un compendio no que se reúne a práctica totalidade dos expositores que pasaron pola sala durante este ano. A mostra permanecerá aberta ata o día 23 de decembro.

martes, 7 dec 2004
A última mostra de 2004 na Sala de Exposicións da Casa da Xuventude será especial. Nesta ocasión tratarase dun compendio de mostras no que se reúnen case todos os expositores deste ano. Así, a mostra denomínase "Artistas 2004". Esta iniciativa é impulsada pola Concellería de Xuventude, co obxecto de dar pulo aos novos creadores e ás asociacións xuvenís.

Neste evento poderase contemplar unha pequena achega de unha os dúas obras por artista ou colectivo. Deste xeito, a sala reunirá obras de moi distinta índole. Haberá pinturas en distintas técnicas realizadas por Ángela Freire, María Rey, Andrea Espiña, Pilar Boullosa, Julinda, Molares, Dolores Cante e Mon Valencia. Tamén estará presente a fotografía de Yanka XL e Ana Belén García.

Ademais, a mostra incluirá os traballos realizados por diferentes colectivos de interese xuvenil, como o Instituto Politécnico, o colectivo Inclusión Social, o Colexio Los Sauces, Clube Beiramar, Club Xoves pola Saúde do A.E.C.C. e a Ludoteca da Casa da Xuventude. As obras poderanse contemplar do 9 ao 23 de decembro, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. Por outra banda, a partir de xaneiro de 2005 abrirase unha nova rolda de exposicións, con outros artistas e colectivos.