Escoitar

O Concello de Vigo implanta o servizo de Portelo Único-Eidolocal

O Concello de Vigo e a Xunta de Galicia asinaron esta mañá un convenio polo cal se dotará á institución municipal a partir do ano que vén de novos servizos informáticos e de telecomunicacións. Deste modo, Vigo terá acceso ao Portal dos Concellos e a un rexistro de recollida de información con destino á Xunta de Galicia.

venres, 3 dec 2004
1102085430telkeco.jpg
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro; o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Jaime Pita; e o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, Xesús Palmou, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a implantación e desenvolvemento dos servizos informáticos e de telecomunicacións (Portelo Único-Eidolocal).

A sinatura deste convenio permitirá poñer á disposición do Concello de Vigo, a partir de principios do próximo ano, os servizos de internet que presta a administración autonómica. Deste xeito, o Concello terá acceso á información e aos servizos de tramitación do Portal dos Concellos, situado na páxina web www.eidolocal.es. Ademais, o presente acordo dotará a Vigo dun rexistro informatizado de recollida de información con destino á Xunta de Galicia.

Corina Porro afirmou que unha das súas obsesións é "achegar a administración aos vigueses para trasladarlles máis e mellor información". Así, en virtude deste convenio, o Concello de Vigo, a través do Portal dos Concellos, poderá potenciar e mellorar as relacións cos cidadáns. Ao mesmo tempo, conseguirase axilizar calquera trámite administrativo coa Xunta de Galicia. Estes novos servizos complementan os xa existentes na páxina web do Concello, www.vigo.es.
Descargar todas as imaxes