Escoitar

A oficina do voluntario organizará un encontro-merenda con motivo do Día Internacional do Voluntariado

A xuntanza servirá para agradecer aos rapaces o seu esforzo solidario e para entrega-los diplomas dos diversos cursos que a oficina imparte ao longo do ano.

venres, 3 dec 2004
Con motivo da celebración do Día Internacional do Voluntariado o próximo domingo, a oficina do voluntario do Concello vai organizar un encontro-merenda o xoves día 9 invitando a tódolos rapaces que participan altruistamente nas actividades de dito departamento. Durante o acto, ao que asistirá a concelleira Lucía Molares, farase entrega dos diplomas dos diversos cursos de formación efectuados durante todo o ano.

O encontro, ao que están invitados os 317 rapaces rexistrados na oficina do Concello,
será nunha posta en común de impresiones por parte dos voluntarios. A xuntanza servirá tamén para que, ao reunirse por primeira vez todos, empecen a percatarse de que son un colectivo, "que esperten unha identidade de grupo", afirma a responsable da oficina de voluntariado, Beatriz Ouro.

A oficina de voluntariado impartiu este ano cinco cursos polos que pasaron uns 120 voluntarios. O primeiro, de formación básica de voluntariado, é obrigatorio por lei para tódolos novos voluntarios inscritos e realízase 3 ou 4 veces ao longo do ano. Ademais deste fixéronse un curso de voluntariado medioambiental, outro de acompañamento a menores e apoio escolar, acompañamento social á terceira idade e outro de ocio e discapacidade.

Os cursos, dunhas quince horas de duración, están subvencionados polo Concello e maila consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.