Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade a Ordenanza reguladora da inspección técnica de edificacións

O Pleno aprobou por unanimidade a Ordenación reguladora da ITE, así como a paralización das obras do centro comercial de Laxe. A sesión estivo marcada pola posta en común do anteproxecto de Lei para a creación da Área Metropolitana.

luns, 29 nov 2004
1101801560plenno.jpg
O Pleno do Concello de Vigo serviu hoxe para que os grupos políticos da Corporación Municipal valorasen o anteproxecto de Lei de creación da Área Metropolitana. Partindo de que tódolos grupos políticos están a favor da creación deste novo organismo de ordenación territorial, hai diversos puntos nos que aínda non houbo consenso, como pode ser a competencia da Área Metropolitana en xestión urbanística, en vez de limitarse á planificación, como apuntou o BNG, que considerou a xestión unha labor mais propia dos concellos.

O Pleno aprobou por unanimidade a Ordenanza municipal reguladora da inspección técnica de edificacións, pola que tódolos edificios de antigüidade maior aos trinta anos, ou edificios de utilidade pública independentemente da súa idade, deberán pasar por unha inspección co fin de asegurar a súa accesibilidade e seguridade, evitando así os edificios ruinosos.

No área de Xestión municipal, o Pleno aprobou por unanimidade a modificación do crédito número 3-04 para a adquisición de cámaras frigoríficas para o Parque das Ciencias Vigo Zoo e a proposta de modificación da cláusula adicional segunda do proxecto do regulamento do parque infantil "O Castro".

En Asuntos Sociais, o Pleno aprobou por unanimidade a denominación das rúas: Victorino Enrique, Guillermo Monroy, Pepe Vázquez, Irmáns Misioneiros dos enfermos pobres (que cambia de rúa), "As Teixugueiras" e "Lamelas", e Mercedes Ruibal.

No que respecta ás mocións, o Pleno aprobou a primeira parte da solicitude do PG sobre a colaboración e patrocinio das "Xornadas Marisqueiras e Gastronómicas Vigomar". O Goberno estivo de acordo en estudiar o mellor xeito de colaborar con este evento de gran repercusión pero non aceptou a interferencia da moción que apuntaba a partida específica onde debía constar a achega.

O Pleno aprobou igualmente por unanimidade a moción do PG sobre un proxecto ferroviario articulado e de calidade e estivo de acordo na moción do mesmo partido que instaba á paralización das obras do centro comercial de Laxe. Neste punto houbo algún debate, mais pola forma da proposta que pola idea en sí, apoiada por tódolos grupos municipais.

Por último destaca-la proposta do BNG que pretende instar ao Goberno Central a cesión do edificio do antigo centro de saúde de Teis para a instalación dunha biblioteca. Sobre esta proposta, aprobada por unanimidade, o concelleiro López-Chaves apuntou un estudio da Universidade que valorará o estado actual das bibliotecas da cidade, en canto a situación, volúmenes, persoal e horas de utilidade, que axudará a medi-la necesidade de máis centros deste tipo.
Descargar todas as imaxes