Escoitar

Compás participa na Xornada sobre Calidade e Políticas de Emprego en A Coruña

A xornada ten como obxectivo o de colaborar na creación dun foro de debate para a implantación de sistemas de calidade na xestión de proxectos europeos de inserción sociolaboral.

mércores, 10 nov 2004
O Proxecto Compás participará mañá na Coruña na Xornada sobre Calidade e Políticas Activas de Emprego dentro do proxecto da Acción 3 Novas estratexias para a sensibilización social. Os obxectivos da xornada son colaborar na creación dun foro de debate que permita o achegamento á implantación de sistemas de calidade e transferir a experiencia da Asociación Agrupación de desenvolvemento Coruña Solidaria na implantación da ISO 9001:2000 para a xestión de proxectos europeos de inserción sociolaboral. A xornada está dirixida a persoal directivo e de xerencia, de servicios e orientación, formación, emprego e asuntos sociais.

Novas estratexias para a sensibilización social ten como finalidade a transferencia das boas prácticas detectadas nos proxectos Equal Compás, Xerme e Coruña Solidaria ás políticas xerais da administración pública. O proxecto está encadrado no que se chama Acción 3. É a primeira vez que tres proxectos Equal de Galicia xúntanse para presentar unha acción conxunta ante o Fondo Social Europeo.

Equal é unha iniciativa comunitaria para promover novos métodos de loita contra as discriminacións e as desigualdades de toda clase en relación co mercado laboral. Os tres proxectos actúan en territorios que suman unha poboación aproximada de 824.000 habitantes, o 30% do total da Comunidade Autónoma.

As agrupacións de desenvolvemento participantes no proxecto Novas estratexias para a sensibilización social engloban ós principais axentes públicos e privados que participan na xestión dos programas de emprego na Comunidade Autónoma de Galicia. Participan os sindicatos máis representativos, as asociacións empresariais, as caixas de aforros, as principais entidades do terceiro sector e ata 25 administracións locais. O proxecto enmárcase no primeiro grupo temático nacional, GTNI Inserción, loita contra o racismo e asilo.

O proxecto Novas estratexias para a sensibilización social é, a un tempo, unha rede de transferencia de ámbito temático e de ámbito xeográfico. O proxecto ten como lugar de desenvolvemento e espacio para o traballo en rede e a transferencia de boas prácticas á Comunidade Autónoma de Galicia. Aínda que as agrupacións de desenvolvemento participantes prevén a súa integración en redes temáticas especializadas, en función das súas respectivas áreas de interese, consideran que o desenvolvemento dun proxecto de Acción 3 de ámbito autonómico achega certas avantaxes para o proceso de transferencia das boas prácticas ás políticas xerais, o que aconsella a creación dunha rede de dito ámbito.

As entidades que promoven o proxecto manteñen un sistema de coordinación de carácter informal desde o inicio da execución dos proxectos Equal (reunións periódicas, intercambios de persoal técnico, intercambio de documentos técnicos e de traballo), polo que forman unha base óptima para a constitución dunha rede de intercambio e transferencia de boas prácticas. Sobre esta base inicial, o proxecto Novas estratexias para a sensibilización social está aberto á incorporación de novas agrupacións de desenvolvemento do territorio.