Escoitar

A concellería de Benestar Social presenta os II Encontros Profesionais sobre atención á infancia

A xornada, que se desenvolverá no Instituto Municipal de Educación, é unha continuación ás celebradas en febreiro e centrarase en cuestións de asesoría xurídica como a protección de datos.

mércores, 10 nov 2004
1100096498infante.jpg
O Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo ven desenvolvendo dende hai máis de catro anos un programa de intervención con menores en situación de risco en colaboración coa Fundación Aldaba. Este programa supón unha inversión de 360.000 euros.

O traballo cos orientadores dos centros educativos é fundamental para acadar unha eficaz intervención. Neste ámbito xoga un papel primordial a formación en cuestións relevantes para o traballo diario, cuestións que non sendo do ámbito estrictamente educativo son necesarias para unha mellor comprensión e intervención nestas situacións de risco. Falamos de temas xurídicos, como a protección de datos, a confidencialidade e as estratexias de comunicación, cuestións a traballar durante o desenvolvemento destas xornadas.

Dentro deste marco, por tanto, xurde a iniciativa da realización de sesións de traballo cos orientadores dos centros educativos cunha dobre finalidade: a mellora no proceso de recepción dos casos detectados e a consecución dunha boa coordinación entre o equipo de infancia e familia e os profesionais dos centros educativos.

Estes son os segundos encontros, como continuación dos que se realizaron o pasado mes de febreiro. Neste momento o equipo de infancia e familia traballa coa totalidade dos colexios do municipio de Vigo.

As xornadas desenvolveranse no Instituto Municipal de Educación (camiño do Chouzo, s/n) mañá, xoves 11 de novembro en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 18.00 horas.
Descargar todas as imaxes