Escoitar

A alcaldesa analiza cos voceiros dos grupos da oposición os distintos proxectos que afectan á cidade

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, reuniuse hoxe cos voceiros dos distintos grupos políticos municipais da oposición para abordar o estado dos distintos proxectos e cuestións que afectan á cidade. O Plan Xeral, os vindeiros orzamentos municipais, o convenio Vigo 2005, o auditorio Casa Mar ou o centro comercial de A Laxe foron algunhas das cuestións que se analizaron nos encontros. A alcaldesa aproveitou tamén para entregarlles aos voceiros dos grupos o estudio de viabilidade do auditorio-pazo de congresos.

mércores, 1 set 2004
1094042297pazoalcaldesa.jpeg
Sobre este asunto, Corina Porro anunciou a reunión, o venres, 3 de setembro, da comisión informativa sobre o auditorio, e dixo que o luns o estudio será tratado na Xunta de Goberno para a súa publicación do DOG e a conseguinte exposición pública durante un mes. A alcaldesa indicou tamén que confía que a finais de ano se poda licitar o derrubo e as obras do auditorio-pazo de congresos.

A alcaldesa informou aos voceiros da oposición de que o Goberno comezou a elaborar os novos orzamentos municipais e, sinalou en que confía en cumprir os prazos legais e presentar o documento antes do 31 de outubro. A alcaldesa dixo ademais que o goberno está disposto a aceptar as propostas que lle cheguen da oposición.

Sobre o Plan Xeral, Corina Porro indicou que conta con todos os informes favorables e que, unha vez o Concello incorpore as recomendacións da Consellería de Política Territorial, se levará a pleno para a súa aprobación inicial. Referiuse tamén á licitación, "en datas próximas", das obras que incorpora o convenio Vigo 2005.

En referencia a construcción do centro comercial de A Laxe, Corina Porro precisou que está pendente de que Zona Franca lle remita a alternativa, aínda que dixo que "o goberno pensa que a mellor opción é que non se constrúa ningún edificio na zona".

Sobre as taxas e impostos municipais, que foron aprobados este luns pola Xunta de Goberno, a alcaldesa sinalou que "non se aumentou un solo imposto na cidade de Vigo" (os impostos incrementan o correspondente IPC) e que a taxa do lixo e do Servicio de Atención Domiciliaria para os maiores se conxelan.

Corina Porro indicou tamén que o goberno municipal avanzou durante estes meses en moitas comisións e que se están rematando grandes proxectos. Ademáis, precisou que a cidadanía esixe responsabilidade aos políticos e, nesta liña, avogou por facer un esforzo e deixar de lado intereses partidistas.
Descargar todas as imaxes