Escoitar

Pedro Dobao, o lirismo feito escultura

A Casa Galega da Cultura abre ás súas portas á expresividade en estado puro. Así, e baixo o título "A escultura vista con ollos sinxelos", a exposición do escultor Pedro Dobao, poderá ser visitada do 3 de setembro ao 3 de outubro. Un espacio para a imaxinación máis dramática da man dun total de 13 obras do autor.

mércores, 1 set 2004
1094038098mullertrab.jpg
Monumento á muller traballadora
Dende o vindeiro venres e ata o 3 de outubro, os amantes da arte escultórica poderán visitar a colección de obras que baixo o título, "A escultura vista con ollos sinxelos, acollerá a Casa Galega da Cultura sita na praza da Princesa, 2.

Un total de trece obras escultóricas dunha monumentalidade natural e cunha forza expresiva propia do autor do monumento á muller traballadora do parque de Bouza, en Vigo.

Unha mistura de abstracción e dramatismo, aliñado co lirismo máis puro, asómanse coma as constantes nas obras do galego. O seu é, sen dúbida algunha, obra dun traballo exquisito, no que as figuras espidas e estilizadas danzan e se entrelazan formando círculos que viran no espazo ou se lanzan á auga.

Pedro Dobao cultivou casi tódolos xéneros expresándose a través de moi diversas materias, comezando pola madeira para dar paso despois ao bronce, símbolo dunha obra que perdura ao longo do tempo. A vocación e a vontade forman parte da historia de vida do que foi un rapaz de orixen humilde, que agora contempla a escultura con mirada sinxela. Todo un nómada entregado á arte, namorado da súa terra natal, unha terra que esconde pedaciños da súa vida, da súa lírica feita escultura.

De 1991 data a súa peza monumental ao vilamartinés ausente, concepción xeométrica e abstracta, composta por cubos ocos e releves. Un ano máis tarde modela o "Monumento a la linera", máis realista, onde a combinación de bronce e granito dan forma a unha figura feminina de pé, que carda a mata de lino sobre un soporte vertical. "Arquitectura" ou "Mujer desconsolada" serán os seus seguintes traballos para dar vida en 1994 ás "Tenazas del viento", fermosas curvaturas de ferro con remates rectos apuntando ao ceo, situadas nun cruce de carreteiras co mar da Costa da Morte como fondo. Tras a concepción de "Mujer pensativa" e "Atardecer" chegará o seu "Monumento a la mujer trabajadora", instalado en 1996 no parque da Bouza. Escultura que representa unha muller traballadora no campo que está a peneirar e que ten a vista perdida no futuro. O "Monumento a la familia" e a peza "Trabajo, esfuerzo e industria" completan a lista das súas principais creacións en Galicia. Pero aínda perdura o seu desexo de facer un monumento ao emigrante galego na estación marítima de Vigo, ante o mar, punto de partida e retorno daquelas xentes.

Relación das obras expostas
- "Custodia do espacio" en aceiro bronce
- "Clones" en bronce e aceiro inoxidable pintado
- "Abstracción del mundo" en resina, madeira e bronce
- Custodia do pensamento" en ferro forxado
- "Cristo" en resina e madeira
- "Pesadilla" en madeira, ferro, cobre e resina
- "Sin título" en bronce
- "Atrapado" en resina
- "Parella" en resina
- "Poemas" en madeira, bronce, pedra e ferro
- "Contorsionistas" de resina
- "Mano con batuta" en bronce"
Descargar todas as imaxes

Máis información