Escoitar

O Consello Municipal da Muller avalía o comportamento do poder xudicial na violencia de xénero

O Consello reclama que o Estado tome partido no asunto para por fin aos malos tratos, fronte á actitude do Consello Superior do Poder Xudicial que denuncia a Lei Integral contra a violencia de xénero "alegando que vulnera os dereitos dos delincuentes".

mércores, 1 set 2004
O Consello Municipal da Muller acordou na súa reunión do pasado 23 de xuño facer pública a súa postura sobre a Lei Integral contra a violencia de xénero. Unha declaración na que manifestan a súa repulsa ante o que consideran "comportamento cínico" dos membros máis consevadores do Consello Superior do Poder Xudicial.

Á espera de que se aprobe unha lei desta magnitude, na que as víctimas polos malos tratos poidan por fin sentirse amparadas fronte aos seus agresores, o colectivo feminista agarda inquedante a que o Estado tome cartas no asunto. "Queremos que o Estado responda a tanta dor, tantas experiencias traumáticas, para tomar as medidas que suporían o "nunca máis" á impunidade do maltratador, do violador, do asasino". Unha petición que choca coa actitude dos xuíces do poder xudicial que a denuncian, "alegando que vulnera os dereitos dos delincuentes", aclaran.

Unha actitude "de clara obstrucción dunha lei que é urxente", dadas as mortes de mulleres a mans dos seus compañeiros. Por iso, dende o Consello Municipal da Muller de Vigo aseguran que o CSPX, "está manifestando unha clara complicidade cos axentes duns delitos que violan os dereitos fundamentais das mulleres e da súa descendencia". Xustas reclamacións dun colectivo que loita polos que son "dereitos fundamentais" dun sector impotente e indignado.