Escoitar

Noites Vivas para todos os gustos e idades

O programa de ocio nocturno Noites Vivas, da concellería de Xuventude, presenta todas as fins de semana ata finais de maio, unha oferta de actividades que trata de abranguer ó maior número de usuarios posibles, realizando propostas deportivas, obradoiros, clásicos e innovadores, actividades en colectivo e individuais, creativas e de distensión, participativas e de simple presencia coma espectador.

venres, 30 abr 2004
1083323041bailes.jpg
O colectivo que máis asiduamente participa nas actividades se situaría nunha franxa de idade oscila entre os 23-30 anos, contando incluso con participantes asiduos de trinta, corenta e cincuenta anos, que se ven moi atraídos por unha oferta de ocio, para eles alternativa a unha movida deseñada para os máis novos e da que en calquera caso demostran estar cansos e sentirse incómodos. Ademáis para este sector da poboación o programa demostra ser un importante centro de relacións sociais que lles permite coñecer xente nova máis aló das redes de familia e traballo.

No Berbés cabe destacar a presencia de xente xove duns 15-16 anos caracterizada por un incesante interese en actividades do tipo de aromaterapia, velas e xabón nas súas diferentes variedades , sendo en moitos casos os desencadenantes da participación colectiva e un pouco o espírito do grupo. Alí é onde teñen lugar as pachangas deportivas e as actividades físicas.

Destacase o interese das dinámicas de integración social que o programa xera, como a participación de inmigrantes uruguaios, colombianos, xermáns, rumanos..., estudiantes de ERASMUS, persoas con algunha discapacidade,..., que a pesar dos seus problemas iniciais de inserción, atopan nas Noites Vivas unha gran oportunidade de integración en distintos grupos sociais, creándose lazos de amizade e integración. Como exemplo deste último aspecto destacar o caso de Alexandro, un rapaz de 26 anos ao que todos teñen un gran afecto, que tras sufrir un gravísimo accidente veíase sóo e illado na súa casa e gracias ás Noites Vivas (as que ven acompañado da súa nai ou é tutelado por algún dos monitores do centro) atopa unha forma de romper o seu aislamento e facer novos amigos.

Actividades

Con respecto ás actividades, é interesante observar a gran aceptación dalgunhas como cociña ou repostería entre as habituais e tamén o grado de apertura ás novas propostas como o habilidades en protocolo.

En canto ao que se refire á actividade de internet, esta constitúe unha forma de evasión para algunha xente, un modo de encontro con persoas queridas, busca de emprego ou simplemente a busca ao outro lado da rede de alguén con quen falar. Actualmente seis das oito sedes de Noites Vivas contan con ordenadores dispoñibles para internet, e en lugares coma a A.V.V. Dr Fleming formouse un pequeno grupo de usuarios que adoitan ir durante a semana ós locais desta asociación par seguir conectándose.

Relacionado co mundo computador os "xogos en rede" é a actividade máis demanda no Castro e na que participan ata o remate de Noites Vivas intercalándoa coas outras cando non dispoñen de turno nos equipos. Fanse pequenos campionatos por tempo, xa que hai cola para xogar. Hai partidas que se deixan dun fin de semana para outro, asegurando así continuidade na asistencia. Nesta sede pódese participar no espacio "quedade connosco" que ten unha moi boa acollida ó poder poñer a súa música que traen da casa. Os xogos de enxeño tamén teñen unha boa acollida que os leva a "romper" a cabeza durante a noite, como o cubo de rubrick ou pequenos desafíos de montar ou desmontar obxectos que non son sempre mellor manipulados polos máis maiores, sendo os nenos pequenos quen maior destreza posúen.

Os venres de Coia comezan ás 23.30h, o local da asociación prepárase para albergar dúas actividades que teñen espertado o interese de máis de vinte rapaces do barrio. Na sala de internet contase con dez equipos informáticos que están a disposición das persoas asistentes, onde navegan por internet e mergúllanse en mundos, canto menos, interesantes: páxinas de contidos diversos para variar da rutina cotiá... mentres uns están navegando e botando unhas partidas, outro grupo está a preparar unha cea, co menú elixido por eles mesmos o venres anterior (plátano fritido, arroz con champiñóns, filloas, lasaña, pizas...) todo un manxar feito por eles mesmos... e logo de cociñar e de navegar, ponse a mesa e compartese unha grata velada.

En Abertal se teñen formado grupos de xente a partires das actividades realizadas, como o de patinaxe, que xa se xuntan eles sos, ou os de rol, que ademáis de facelo na Asociación Cancerbero, sede onde ademáis se organizan outro tipo de xogos, tamén o fan en Abertal como iniciativa propia. Pero o máis curioso é o que se formou de Break Dance, sobre uns 50 rapaces e rapazas que bailan incansablemente sobre as súas costas rememorando o movemento do tan xogado trompo da nosa infancia.

En resumen, pódese dicir que ademáis da oportunidade dun ocio alternativo que supón o programa Noites Vivas, a valoración é moi positiva no ámbito das redes sociais que xera e a integración social que facilita.
1083323041bailes.jpg
1083323063cesteria.jpg
1083323117cocina.jpg
1083323136deportes.jpg
Descargar todas as imaxes