Escoitar

O deseño do século XX en Galicia amosase no Marco

O Marco amosa a exposición "A CREACIÓN DO NECESARIO. Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia" de 2 de abril ata o 13 de xuño de 2004. A comisaria da exposición é María Luisa Sobrino e presentouse na mañá do venres polo concelleiro de Cultura, Ignacio López Chaves; o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea e pola directora do Marco, Carlota Álvarez Basso.

venres, 2 abr 2004
1080910439silla.jpg
Prototipo de silla tumbona,1960 de Alejandro de la Sota
A exposición consta aproximadamente de 378 pezas, entre as que se inclúe mobiliario doméstico, deseño publicitario, carteis, vasillas, téxtiles, deseño gráfico e editorial, envases, xoguetes, obxectos de uso doméstico, e tres vídeos documentais: "La Artística de Vigo" (José Gil, 1928), "Laboratorios Zeltia S.A." (1950), "Diseño industrial en España a través de las imágenes del archivo del NODO" (Pierre Luigi Cattermole, 1998).

o obxectivo fundamental da mostra é sacar á luz o traballo oculto de numerosos autores –arquitectos, pintores, debuxantes–, as súas aproximacións ao deseño, e a súa importante contribución á cultura galega, especialmente antes dos anos oitenta, cando non existía formación regulada; cando o termo "deseñador" carecía da acepción de hoxe, e a maioría dos obxectos, deseños publicitarios, editoriais e de mobiliario eran realizados por artistas plásticos ou arquitectos.

O eixo do recorrido é cronolóxico e se artella nos seguintes apartados:

De 1900 a 1936, período no que destacan autores como Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Carlos Maside e Castelao. Obras: pedras litográficas, envases industriais (latas de conserva, botellas), xoguetes, carteis, pezas de deseño gráfico e publicitario, vídeo documental.

Da posguerra a 1975, con obras de Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo, Alejandro de la Sota, Jesús de la Sota, José María de Labra, Caruncho, Ramón Vázquez Molezún, ou José Bar Boo, entre outros. Obras: pezas de mobiliario, obxectos domésticos, vasillas, téxtiles, carteis, deseño gráfico e editorial, vídeo documental.

De 1975 aos nosos días, con dous espacios diferenciados: un adicado ao deseño gráfico e outro ao deseño de mobles. Inclúense deseñadores como o grupo Re-visión, Imago Mundi, Manolo Janeiro ou Alberte Permuy, artistas como Francisco Mantecón, Moncho Amigo e Jesús Núñez, arquitectos como Carlos Quintáns, Jesús Irisarri, Guadalupe Piñera, Alberto Noguerol e Pilar Díez, e empresas como Justo Román S.L. ou María Martínez S.A., entre outros. Obras: exemplos de deseño gráfico e deseño de mobiliario.
Descargar todas as imaxes