Escoitar

Concello, Xunta e Zona Franca adquirirán e rehabilitarán vivendas e locais comerciais no Casco Vello de vigo, cun investimento de 30 millóns de euros

A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, Alberto Núñez Feijóo e, o Delegado do Estado para a Zona Franca, Pablo Egerique, asinaron hoxe, o convenio de colaboración para iniciar a rehabilitación do Casco Vello de Vigo, no que as tres institucións adquirirán e rehabilitarán vivendas e locais comerciais.

mércores, 10 mar 2004
O investimento total ascende a 30 millóns de euros, dos cales 12 millóns os aportará a Xunta, 15 millóns a Zona Franca e 3 millóns o Concello de Vigo, en anualidades distribuídas entre 2004 e 2008, segundo recolle o convenio.

O obxectivo é a adquisición de terreos, a adquisición e rehabilitación de inmobles e a rehabilitación e mellora do medio urbano na área de rehabilitación integrada do Casco Vello de Vigo, coincidente coa delimitación do PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior).

Para a execución do convenio poderase constituír unha empresa pública que execute a adquisición e rehabilitación dos inmobles seleccionados.

Asemade, desenvolverase un estudio que determinará as unidades edificatorias sobre as que actuar. Dito informe incluirá unha relación dos edificios do Casco Vello de Vigo susceptibles de adquisición. O estudio conterá unha referencia ós criterios básicos de intervención, ás posibles axudas para a execución do programa de rehabilitación e ó plan de etapas para a adquisición, rehabilitación e urbanización.

A adquisición dos edificios realizarase por mutuo acordo cos propietarios ou, excepcionalmente, por expropiación forzosa. Neste senso, o convenio establece que será o Concello de Vigo o organismo encargado das tramitacións.

Unha vez adquiridos e rehabilitados os edificios do Casco Vello de Vigo, serán asignados a cada un dos tres asinantes do convenio, respectando a proporción de participación de cada un no financiamento. Con carácter xeral os edificios con destino a vivenda serán asignados ó Instituto Galego da Vivenda e Solo e os destinados a outros usos ó Consorcio da Zona Franca e ó Concello de Vigo.

As vivendas propiedade do IGVS destinaranse preferentemente a menores de 35 anos en réxime de alugueiro.

Áreas de rehabilitación

Arredor de 1.300 vigueses estanse a beneficiar dos convenios asinados entre a Xunta e o concello de Vigo para a financiación das obras que se levan a cabo na área de rehabilitación do casco histórico da cidade. Estas actuacións de mellora de vivendas e edificios, así como dos entornos urbanos nos que se ubican, están a supoñer 8,6 millóns de euros e permitirán a rehabilitación de 321 vivendas.

Os convenios establecen axudas do Ministerio de Fomento e da Consellería de Política Territorial, que financian ata o 70% das obras de rehabilitación de edificios e vivendas, ata un máximo de 8.000 euros por vivenda. Trátase de subvencións compatibles coas establecidas pola Administración autonómica para a rehabilitación de vivendas en conxuntos históricos, polo que a porcentaxe conxunta pode acadar o 75% do importe das obras.