Escoitar

Concello e Xunta porán en marcha unha oficina de asesoramento para os inmigrantes e emigrantes retornados da área de Vigo

O Concello de Vigo e máis a Consellería de Emigración ofreceranlles ós retornados e ós inmigrantes asentados na área metropolitana asesoramento xurídico e sociolaboral, e todo tipo de información e orientación específica nunha nova oficina que as dúas administracións porán en marcha na cidade.

mércores, 10 mar 2004
Esta mañá, nun acto celebrado no Concello, a alcaldesa Corina Porro e máis o conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal, asinaron o protocolo de colaboración co que se compromete o desenvolvemento deste programa conxunto de atención a estes colectivos , e que plasmará proximamente na posta en marcha desta unidade, que terá como principais obxectivos:

 Informar ós emigrantes retornados e inmigrantes sobre a súa situación xurídica e os trámites administrativos máis habituais ós que se enfrontan no seu proceso de integración. Así, asesorará na tramitación de permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar, e todo tipo de trámites administrativos que precisen, e sobre as posibles prestacións sociais, educativas ou sanitarias ás que tivesen dereito.

 Facilitar todo tipo de información acerca de programas formativos e de orientación laboral e, doutras axudas ás que poidan ter acceso e que lles podan facilita-la súa inserción no mercado laboral.

A oficina contará con persoal licenciado en dereito, diplomados en traballo social e auxiliares administrativos. O Concello de Vigo porá á disposición do novo servicio as instalacións necesarias para a súa radicación, e se fará cargo dos custos derivados do seu mantemento e dos medios materiais necesarios. A Consellería de Emigración financiará os gastos correntes e os salarios dos traballadores.

Actuacións no Concello

Nestes últimos anos, no Concello de Vigo obsérvase como o volume total de estranxeiros se incrementou de forma notable, pasando de 2.667 no ano 1.998, a 6.154 no ano 2.002 (so neste ano chegaron 2.221 novos inmigrantes estranxeiros regulares). .

A estas cifras do INE, habería que engadir o elevado número de emigrantes retornados que volven cada ano á cidade --996 no ano 2002--, o que a sitúa como o primeiro concello de Galicia en canto ó fenómeno do retorno.

A atracción de novos habitantes non se dá só en Vigo. Segundo últimos datos do I.N.E, no ano 2002 chegaron ós concellos limítrofes de Vigo (Mos, Porriño, Redondela, Moaña, Cangas, Tui, Gondomar, Nigrán) 410 emigrantes retornados, e 430 inmigrantes regularizados.

Conforme a esta realidade de asentamento , Vigo e os concellos da comarca centran boa parte das accións das administracións compententes en Galicia en materia de inmigración e retorno. Algunhas destas accións detállanse nos puntos seguintes.

1.-Rede Galega de Atención ó Inmigrante:

A Consellería de Emigración, asinou convenios coas entidades de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, Fundación Cume, e Hermanas Trinitarias por importe de 83.000 euros para desenvolver, programas de atención, información, orientación e acollida básica os inmigrantes, así como de sensibilización.

2.-Formación

No eido formativo subvencionáronse cursos para mulleres inmigrantes, formación por conta allea, e creación de empresas por conta propia por un importe de 90.000 euros.

3.-Asociacionismo

Destináronse, 65.000 euros a 9 asociacións de inmigrantes e emigrantes retornados con sede na cidade de Vigo.
(Arxentinos no exterior, Centro Cultural Cubano, Asociación Galega de Emigrantes retornados, Uruguayos por el Mundo, Amigos de Venezuela, Colombianos en Galicia, Galego-Brasileira, Senegaleses, AIDA (asociación de integración al desarrollo africano).