Escoitar

Vigo acollerá un sorteo da lotería nacional con motivo da saída da Volvo Ocean Race 2005

A alcaldesa Corina Porro, a presidenta do padroado da Fundación Deporte Galego, Pilar Rojo, e o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos, asinaron hoxe un protocolo de colaboración con motivo da saída desde o porto de Vigo da Volvo Ocean Race 2005/2006, unha das probas oceánicas máis prestixiosas do mundo, que partirá de Galicia o vindeiro 12 de novembro de 2005.

martes, 9 mar 2004
1078836614porroirojo.jpg
As necesidades da regata, de cobertura mundial, requiren determinadas instalacións e servizos, tanto para permitir a actividade dos equipos participantes como para maximizar o impacto dos medios de comunicación mundiais. A través do protocolo de colaboración, o Concello de Vigo participará no cumprimento dos obxectivos, requisitos e obrigacións para garantir o éxito da regata internacional e convertila nun instrumento de promoción turística de Vigo, Galicia e España no mundo.

Por outra banda, Vigo terá garantida a súa representación institucional na regata, así como en tódolos acontecementos públicos que a integran. A presidenta da Fundación Deporte Galego fixo fincapé na magnitude do acontecemento e lembrou que "está prevista unha audiencia de máis de 1.000 millóns de persoas e centos de horas de programación en tódalas televisións do mundo".

Un sorteo para a Volvo Ocean Race

Pilar Rojo comunicoulle hoxe, oficialmente, á alcaldesa de Vigo a próxima celebración dun sorteo extraordinario de Lotería Nacional na cidade olívica con motivo da saída da Volvo Ocean Race 2005/2006. Así mesmo, incluirase unha viñeta conmemorativa nos décimos co motivo da celebración da regata internacional.
Descargar todas as imaxes