A ocupación hoteleira media no mes de abril acadou o 64%
O alcalde valorou a posición de Vigo como “grande cidade turística” segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística e deu conta da posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística de Bouzas que busca un modelo máis equilibrado e respectuoso co territorio.
“Un magnífico resultado” apuntou Abel Caballero ao dar conta do incremento nun 10,5% dos turistas na cidade durante o mes de abril, con respecto ao mesmo mes do ano pasado, segundo os datos do INE.
Os turistas nacionais que visitaron Vigo soben máis dun 11% e os estranxeiros un 9,5%. “Son os mellores datos de viaxeiros totais e de estranxeiros rexistrados nun mes de abril na historia da cidade”.
A ocupación hoteleira media situouse o mes pasado nun 64%, cifra que é “moi significativa” para Caballero: “Somos unha grande cidade turística, sen a aglomeración que se dá noutras cidades. Temos un espazo moi amplo e con ese nivel de ocupación temos un turismo sosegado, cómodo, perfectamente asimilable para o conxunto da cidade e xerando emprego. É bo para hoteis, restaurantes, cafeterías, comercio, hostalaría. É bo para todos”.
Plan de Sostibilidade Turística de Bouzas
O alcalde informou este luns da posta en marcha do Plan de Sostibilidade Turística "Centro histórico de Bouzas" que ten un orzamento de 2 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, fondos Next GenerationUE.
Tal e como explicou, con este plan o Concello quere crear un modelo turístico máis equilibrado e respectuoso co territorio, tendo en conta a identidade de de Bouzas. O obxectivo é poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e mariñeiro de Bouzas creando novos paquetes turísticos en colaboración co tecido local e coa hostalería “que está facendo un labor extraordinario”.
Así, o Plan quere poñer en valor Bouzas cun prisma máis sostible, ofrecendo experiencias turísticas ligadas ao mar, comercio local, gastronomía e vida de barrio e, para iso, contará con empresas, entidades e axentes locais vinculados o turismo.
O Plan de Sostibilidade Turística desenvolverase en diferentes fases: primeiro, o diagnóstico e participación territorial, un espazo de intercambio para identificar ideas e oportunidades; en segundo lugar, un programa formativo e mentoría con formación práctica e acompañamento especializado para deseño de produto, diferenciación, comercialización, cooperación e creación de experiencias turísticas; e por último o deseño dos paquetes turísticos.