O Pleno esixe á Xunta e á Deputación cofinanciar a terzos as obras de ampliación de Balaídos
A maioría da Corporación acordou esta mañá solicitar ás administracións autonómica e provincial que financien a terzos as obras de retranqueo dos colectores paralelos á grada de Tribuna. Esta obra forma parte da reforma da bancada para preparar o estadio de cara ao Mundial 2030.
O Pleno acordou instar á Xunta e á Deputación a confinanciar as obras de retranqueo dos colectores paralelos á grada de Tribuna de estadio municipal de Balaídos. O edil de Fomento, Javier Pardo, defendeu unha moción na que solicita apoio a ambas institucións para sufragar a terzos unha obra fundamental para poder adaptar Balaídos ás directrices da FIFA que esixe 43.000 espectadores. O texto saíu adiante cos votos favorables do PSOE, o voto en contra do PP e a abstención do BNG.
A Corporación tamén abordou na sesión de hoxe luns a necesidade de apoiar ao aeroporto de Vigo a través dunha moción defendida polo concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros. O edil socialista demandou á Xunta e á Deputación que cooperen na financiamento de novas rutas, a través da contratación de publicidade, coas aeroliñas que operen desde o aeroporto de Vigo. Ao mesmo tempo, Aneiros reclamou a transferencia de recursos na contía dun terzo por parte das administracións autonómica e provincial para colaborar no custo daquelas novas rutas que o Concello de Vigo acorde. Esta moción saíu adiante co voto favorable do PSOE e a oposición dos edís populares e nacionalistas.
O Pleno, así mesmo, acordou reclamar que o presidente da Xunta se desculpe por ignorar de maneira reiterada á cidade de Vigo á hora de poñer en valor o fenómeno turístico da cidade de Vigo. O texto aprobouse co apoio do PSOE e os votos en contra do PP e do BNG.