Escoitar

O Compás inicia unha nova fase de formación para persoas emprendedoras

O vindeiro martes 27 de xaneiro, o Proxecto Compás inicia un novo ciclo de formación cun seminario e un simulador empresarial, dirixidos a persoas emprendedoras interesadas en deseñar e executar o seu propio plan de negocio. A Confederación de Empresarios de Pontevedra, un dos socios do Proxecto Compás, será a encargada de desenvolvelos.

venres, 23 xan 2004
En primeiro lugar, realizarase un curso de habilidades directivas, a partir do día 27 de xaneiro, que tratará os temas de comunicación, liderazgo e protocolo propios da dirección de empresas.

O 9 de febreiro comezará un seminario que ten como finalidade introducir as cuestións básicas sobre finanzas empresariais que debe saber calquera persoa que queira crear unha empresa. Ademais de aprender a traducir unha idea de negocio á linguaxe económico-financieira e a identificar os diferentes ciclos que xera a actividade empresarial. As persoas asistentes a este curso coñecerán as necesidades financeiras vencelladas á creación da nova empresa, entenderán os elementos críticos que inciden na rendibilidade do negocio e poderán determinar o volume mínimo de actividade que asegure a viabilidade dunha empresa.

O curso será impartido pola profesora Flor Gómez, titular da Escola de Negocios Caixanova, e terá lugar na sede da CEP os días 9 e 10 de febreiro de 16:30 a 20:30 horas. Como actividade, complementaria, desenvolverase un simulador empresarial que será impartido pola firma SIMCE Consultores.

Estes módulos de simulación empresarial teñen como propósito fundamental incrementar o coñecemento, habilidades e conciencia de negocio dos participantes para, deste xeito, mellorar a súa capacidade de contribuír á consecución dos obxectivos das empresas que vaian dirixir.

Esta ferramenta, concibida especialmente para axudar á aprendizaxe en técnicas de xestión empresarial, permite colocar á persoa participante nunha situación de decidir, de probar, nun contexto simulado pero sen os riscos da vida real. O simulador terá lugar tamén na sede da CEP, os días 12 e 13 de febreiro.

O Proxecto Compás, unha iniciativa Equal do Fondo Social Europeo, promovida pola Mancomunidade de Vigo, traballa a prol dunha cultura de igualdade, promovendo novos métodos de loita contra toda clase de discriminación e desigualdade no acceso a un mercado do traballo de aberto a todos e todas, a través do deseño e do desenvolvemento de ferramentas e recursos concretos que mellloren a ocupabilidade das persoas da área de Vigo.

No Proxecto Compás participan, ademais da Mancomunidade de Vigo, os sindicatos CCOO, CIG e UGT, a Confederación Provincial de Empresarios (CEP), a Deputación de Pontevedra e Caixanova. Ten unha duración de dous anos (ata xullo de 2004) e conta cun orzamento de preto de tres millóns de euros.