Escoitar

O Pleno esixe o mantemento da actividade nos centros de saúde Nicolás Peña e López Mora

A maioría da Corporación considera que os centros de saúde de Nicolás Peña e López Mora deberían seguir prestando atención sanitaria a pesar da apertura do Olimpia Valencia. Así se acordou durante a sesión plenaria desta mañá.

luns, 30 mar 2026

A Corporación municipal acordou esta mañá esixirlle á Xunta a modificación do plan funcional do Sergas para que o Centro de Saúde Nicolás Peña sega mantendo a actividade sanitaria, a pesar da apertura do Olimpia Valencia. Cos votos a favor do grupo de goberno, instouse ao Executivo autonómico a manter a actividade asistencial no Centro de Saúde de López Mora, tras proceder á oportuna reforma das instalacións actuais. Por último, a moción socialista insistía na necesidade de convocar todas as prazas vacantes en todos os centros de saúde e puntos de atención continuada de Vigo. O texto contou co voto en contra do PP e abstención do BNG.

A situación dos colexios de Vigo foi outro dos asuntos abordados ao longo da sesión plenaria desta mañá de luns. O grupo socialista defendeu unha moción que instaba á Xunta a poñer en marcha, de xeito urxente, un plan específico de cubrición de patios nos centros educativos públicos. Concretamente, o texto aprobado cos votos a favor de PSOE e BNG solicitaba a inclusión nos orzamentos autonómicos dunha partida específica destinada á cubrición de patios, asumindo as súas competencias en materia educativa. A moción contou co voto desfavorable dos concelleiros populares.

Aeroporto

Na sesión plenaria desta mañá tamén se debateu sobre a necesidade de potenciar o aeroporto de Vigo. O edil de Facenda, Jaime Aneiros, foi o encargado de defender unha moción que instaba á Xunta e á Deputación a asignar dotacións económicas concretas para asegurar rutas nacionais e internacionais que deberán ser similares á cantidade que aporta o Concello. O obxectivo é xerar os créditos orzamentarios precisos para instrumentar publicidade coas compañías aéreas para fomentar a súa implantación no aeroporto de Vigo. O texto saíu adiante cos votos do PSOE, a abstención do BNG e a oposición do PP.

 

 

 

Descargar todas as imaxes