Vigo insta á Xunta e Deputación a pagar a ampliación de Balaídos para o Mundial 2030
A moción saíu adiante cos votos favorables do grupo socialista e a abstención dos concelleiros de PP e BNG. A Corporación Municipal tamén aprobou por unanimidade instar ao ente autonómico e ao provincial a destinar á Festa da Reconquista a mesma achega que realiza o Concello de Vigo, co obxectivo de acadar a declaración de Festa de Interese Turísitico Internacional.
No Pleno ordinario do mes de marzo, aprobouse instar á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a financiar a ampliación da bancada de Tribuna a partes iguais co Concello de Vigo. A moción saíu adiante cos votos favorables do grupo socialista e a abstención dos concelleiros de PP e BNG. Carmela Silva aproveitou para mostrar a súa disconformidade co papel dos populares, xa que a Xunta de Galicia "apoiou dende o primeiro momento e con declaracións públicas a candidatura de A Coruña sen coñecer o proxecto nin o custe" e agora para apoiar a inversión en Vigo só pon atrancos, insistiu a tenente de alcalde.
Como indicou Carlos López Font, “non é só unha obra, é un investimento estratéxico e a peza clave para cumprir cos estándares internacionais que esixe albergar encontros dunha Copa do Mundo”. Font tamén indicou na súa intervención, que as tres administracións deben comezar as súas contribucións durante a execución das obras de desprazamento dos colectores, o primeiro paso da reforma.
Festa da Reconquista
Tras a fin de semana de celebración da Reconquista que encheu as rúas de Vigo, o Pleno debateu a posibilidade de solicitar a Xunta e Deputación que destinen a mesma cantidade económica que o Concello para lograr a declaración de Festa de Interese Turísitico Internacional. A moción contou co apoio unánime da Corporación Municipal.
Na defensa da moción, Yolanda Aguiar, explicou que “celebramos a nosa historia, o noso orgullo e a nosa identidade como vigueses e viguesas”, xa que “en 1809, Vigo escribiu unha páxina única na historia, converténdose na primeira cidade de Europa en expulsar ao exército napoleónico”. Engadiu que “o futuro da Reconquista pasa por seguir medrando” e “esa proxección require o apoio económico de todas as administracións, non só do Concello de Vigo”.