Vigo celebrará O Marisquiño do 6 ao 9 de agosto
Abel Caballero anunciou que a praia de Samil volverá ser o epicentro do festival e o descenso urbano mantense no centro histórico. A XXVI edición do festival reunirá a 1.500 deportistas e preto de 60 artistas. O Concello inviste 1,3 millóns de euros neste evento que converte a cidade na capital internacional dos deportes de acción e a cultura urbana.
O Marisquiño, o festival de cultura urbana e deportes de acción que ten lugar cada verán en Vigo, confirma as datas da edición 2026 do 6 ao 9 de agosto. Tras conmemorar o pasado ano o seu 25 aniversario coa edición máis ambiciosa da súa historia, o festival prepara un novo capítulo no que mantén o formato de éxito en Samil e no centro da cidade.
O alcalde informou de que a nova edición de O Marisquiño contará cun completo programa con oito disciplinas deportivas no que competirán 1.500 riders profesionais e amateurs de máis de 30 países, entre os que se atopan algúns dos mellores do mundo. O festival volverá ser sede de probas puntuables para a World Cup Skateboarding e o circuíto FIBA 3x3.
Disciplinas deportivas 2026: Skate, BMX, Basket 3x3, todas elas olímpicas, Breaking, Flatland, Big Air, Freestyle Motocross e Mountain Bike.
Abel Caballero tamén puxo de manifesto que máis alá da competición, O Marisquiño continúa coa súa aposta pola programación musical e artístical. De venres a domingo, ás intervencións de arte urbana súmase unha ampla programación musical dedicada aos sons urbanos e á electrónica, con concertos, sesións de DJs e batallas de Freestyle rap en tres escenarios.