The Corrs actuará en Castrelos o 11 de agosto
A banda irlandesa, con máis de 40 millóns de discos vendidos, convértese na cuarta confirmación dos concertos de verán.
Abel Caballero anunciou a cuarta confirmación do programa de concertos do verán no Auditorio de Castrelos: a banda irlandesa The Corrs actuará na cidade o próximo 11 de agosto.
Formado por catro irmáns, o grupo converteuse nun dos referentes internacionais da música pop ao combinar melodías da tradición irlandesa con influencias de pop e rock. Desde o seu debut en 1995 venderon máis de 40 millóns de discos en todo o mundo.
Entre os seus maiores éxitos destaca a canción Breathless, que chegou ao número un en 17 países, consolidando a proxección internacional da banda. Na actualidade contan ademais con máis de 4,1 millóns de oíntes mensuais en Spotify.
O alcalde destacou que a actuación será un dos grandes eventos musicais do verán na cidade. “Vén unha banda desde Irlanda coa súa música pop e coa tradición musical irlandesa combinada con rock. Vai ser un concerto marabilloso”, afirmou.