VigoNature acolle actividades divulgativas e de formación para observar con seguridade o eclipse solar do 12 de agosto
O domingo 15 de marzo VigoNature acolle a primeira actividade do programa organizado polo Concello coa finalidade de preparar á cidadanía para observar con seguridade a eclipse total de sol que terá lugar o 12 de agosto.
Abel Caballero avanzou este martes a programación que se desenvolverá en VigoNature ata o 12 de agosto, dirixido a familias, escolares e público en xeral, tanto para fomentar o coñecemento da eclipse total de sol como para concienciar sobre a transcendencia de observalo con medidas que eviten os riscos que representa para a saúde ocular.
O Concello de Vigo despregará en VigoNature un programa con cinco liñas de actuación para aprender, comprender e observar con seguridade a eclipse.
Todas as fins de semana as instalacións da Madroa contará con actividades sobre tipos de eclipses, normas de seguridade e as singularidades que sitúan a Vigo como un lugar privilexiado para a observación. As actividades inclúen sesións divulgativas curriculares para os alumnos de quinto e sexto de primaria sobre a mecánica celeste, as diferenzas entre a eclipse solar e lunar, total, parcial e anular. Tamén están previstas accións formativas para o profesorado coa finalidade de que preparen actividades didácticas e observacións seguras co seu alumnado.
Durante as semanas previas á eclipse intensificarase a divulgación e o día 12 de agosto terá lugar o evento da observación da eclipse en Samil. O alcalde avanzou que o Concello entregará aos participantes nas actividades as únicas lentes homologadas para contemplar a eclipse. Os interesados en participar poderán reservar unha praza a través do teléfono de VigoNature ou no despacho de billetes o día do evento.
Caballero recordou que VigoNature desenvolve un intenso programa de actividades durante todas as fins de semana sobre alimentación de fauna, escape room, o mundo dos réptiles e a camuflaxe animal, entre outros.