O Concello mellora os accesos da igrexa San Paio de Fóra, en Lavadores
Abel Caballero deu conta esta mañá das obras de mellora dos accesos á igrexa San Paio de Fóra. Os traballos supuxeron un investimento de 230.000 euros.
O alcalde achegouse esta mañá á igrexa de San Paio de Fóra, en Lavadores, onde o Concello realizou obras de mellora nos accesos. Este templo, obra do arquitecto vigués Desiderio Pernas, comezou a construírse en 1973 detrás das edificacións da rúa Cabalaria.
Cun importe de 230.000 euros, Caballero detallou, entre outras actuacións, o deseño dun muro branco de formigón no acceso da rúa Cabalaria, así como doutro elemento na cota superior do acceso peonil. Incorporouse un muro perimetral da igrexa e substituíuse o actual asfaltado do viario principal por materiais mais amables, como granito ou formigón.
Tamén se modificou o acceso peonil desde a rúa Cabalaria, con plataformas a distinta cota, con bancos e vexetación. Creouse, así mesmo, un espazo único de reunión no contorno do templo, creando pequenas zonas de encontro.