Escoitar

O alumnado de Vigo adéntrase na historia da cidade co programa didáctico da Reconquista

Abel Caballero saudou hoxe a estudantes do CEIP Santa Mariña e do CEIP Fonte Escura na súa parada no Concello durante o recorrido didáctico polos recunchos máis emblemáticos do Casco Vello. Este recorrido dramatizado pretende achegar a historia da Reconquista a preto de 1000 escolares entre o 9 de marzo e o 17 de abril.

mércores, 11 mar 2026

Esta semana iniciouse o programa “Vigo na Revolta, tras os pasos de Xoana Rial – Reconquista 2026”, onde diferentes colexios da cidade farán un percorrido teatralizado para coñecer os escenarios máis emblemáticos deste feito histórico. Nesta ruta, os nenos e as nenas van acompañados por actores que interpretan ao alcalde Vázquez Varela, ao soldado francés Pierre de la Pierre e á taberneira viguesa Xoana Rial. Na actividade participarán vinte centros escolares con 1.000 alumnos de quinto e sexto de primaria.

O alcalde achegouse ao inicio do percorrido de hoxe, que empeza na Praza do Rei, onde puxo en valor a importancia de coñecer este feito histórico de gran transcendencia para a cidade, dicindo que coa expulsión dos franceses “Vigo converteuse nunha cidade referente en España e Europa”. O percorrido continúa polos restos do Castelo de San Sebastián e segue polas rúas do Casco Vello- Porta do Sol, Praza da Princesa, Rúas Ballesta e Gamboa, Praza de Almeida e Cesteiros, Praza da Constitución, Rúa Oliva, Concatedral de Santa María- visitando os escenarios craves da expulsión dos franceses e a recuperación da cidade. A través de esta actividade, o Concello trata de achegar de forma inmersiva, amena e entretida os feitos acontecidos durante a Reconquista aos escolares.

Ademais, tralo itinerario polo Casco Vello, o alumnado poderá visionar na Casa Galega da Cultura un filme sobre a Reconquista e visitar unha exposición con pezas da época e vencelladas a este feito histórico. Ao rematar, os participantes recibirán un diploma acreditativo e os centros escolares unidades didácticas para as súas bibliotecas.

Descargar todas as imaxes