Escoitar

Vigo prepara un Entroido “magnífico” con seis días de celebración

Desde este venres 13 de febreiro, coa entronización do Meco ás 20 horas na Porta do Sol, e ata o mércores 18 de febreiro, Vigo vístese de Entroido con música, desfile de comparsas e concurso de disfraces. Ante a previsión de choiva, a actuación da Orquestra París de Noia trasládase ao venres que vén, 20 de febreiro.

xoves, 12 feb 2026

O alcalde presentou este xoves a programación do Entroido 2026 xunto a Camilo Pais, presidente da Federación de Peñas El Olivo e Marcos Castro, Estrela Graña e Carlos Pérez, da xunta directiva da Agrupación de Centros Culturais de Vigo, amais de Patricia Rodríguez, a concelleira de Festas.

Tal e como avanzou, ante a previsión de choiva e vento o Concello viuse na obriga de cancelar os actos previstos este venres. Así, non se poderá desenvolver a animación de rúa con charanga e batucada nin o desfile de cabezudos pola rúa do Príncipe. Amais, queda aprazada a actuación da Orquestra París de Noia para o vindeiro venres, día 20 de febreiro, na Porta do Sol, a partir das 21:00 horas. En principio, si será posible realizar este venres 13 ás 20:00 horas a entronización do Meco na Porta do Sol.

O sábado 14 de febreiro, desde as 17 horas, haberá animación de rúa por Príncipe e, a partir das 18:00 horas, comeza o gran desfile do Entroido que contará coa participación de 23 comparsas da cidade e da comarca. O desfile-concurso parte da rotonda de Isaac Peral e percorre García Barbón e Colón, rematando na Alameda. O Concello repartirá 18.500 euros en premios.

A programación continúa o domingo 15 febreiro con animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol coa batucada “Lenha Verde” de Matamá (pola mañá) e a “Charanga Imperiais” e a batucada “Bate no Cobre” (pola tarde). Ás 17:30 horas, concerto infantil de “Uxía Lambona e a banda molona” en Porta do Sol, chocolatada a partir das 19 horas e concerto de “Crónicas Pop” ás 20 horas. Se chove, as actividades trasládanse á lonxa do Concello e ao Auditorio Municipal da Praza do Rei. “Imos ir esquivando o mal tempo da forma que poidamos”, sinalou.

O mesmo sucederá coas actividade previstas o luns 16 febreiro, ques e trasladarán se as condicións climatolóxicas non permiten facelo na Porta do Sol. Entre as 17 e as 20 horas desenvolveranse talleres infantís (máscaras, pintacaras), haberá animación de rúa por Príncipe con charanga e batucada e ás 18 horas: concerto das Pamisukis.

O martes tamén haberá animación de rúa en Príncipe, sairán “Os merdeiros” e cabezudos e celebrarase o concurso de disfraces (en Porta do Sol ou no Concello) para infantil e adulto, con premios para as diferentes categorías. Ás 20 horas haberá espectáculo de lume con “A saco circo” en Porta do Sol e a queima do Meco ás 20:45 coa banda de Corneta do Centro Social e Cultural de Beade e o grupo de acompañamento da peña Xuntanza.

A programación finaliza o mércores 18 febreiro: ás 18 horas serán as exequias funerarias do Meco, a continuación comeza o desfile e acompañamento das comparsas da comitiva fúnebre, seguido da música da Banda de gaitas da ETRAD e grupo de percusión “Lenha Verde” de Matamá. Ás 1930 horas será a lectura da acta do xurado do concurso de comparsas.

Reforzo do transporte urbano

O alcalde deu conta da habilitación dun servizo nocturno especial do transporte urbano para facilitar os desprazamentos durante as principais xornadas do Entroido. Este venres 13, sábado 14 e luns 16 de febreiro estarán operativas as liñas nocturnas N1, C1 e N4 durante a noite. E, como reforzo especial, a liña C1 duplica a súa frecuencia este venres e sábado, con buses cada 15 minutos.

Descargar todas as imaxes