Vigo contará cun novo local para uso público no Auditorio Mar de Vigo
Vigo contará cun novo espazo para uso público no Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo tras a transformación do local situado no baixo do edificio. O Goberno Municipal adxudicou o proxecto para adaptar o espazo aos novos usos, segundo avanzou hoxe o alcalde. “Un novo espazo que poñemos ao dispor da cidade”, destacou.
Abel Caballero explicou este mércores que o Concello proxecta utilizar o local que se atopa no baixo situado na entrada do Auditorio. Dotado cunha superficie de 3.400 metros cadrados, un total de 2.500 metros cadrados do espazo destinaranse para uso cidadán.
O alcalde explicou que o Concello nestes momentos atópase na fase da redacción do proxecto, por 18.000 euros, coa finalidade de reordenar todo o baixo, xa que neste momento só existe un chan de cemento e columnas. “Temos que delimitar os sectores do novo local, así como a distribución das paredes, deseñar os sistemas de seguridade e adaptar o espazo á normativa de accesibilidade”, detallou o rexedor ao incidir en que o obxectivo é adaptar o espazo ao novo uso para distintas actividades “de gran utilidade para a cidade”.