Escoitar

Mingos Teixeira e Patricio Sánchez Bello, Vigueses Distinguidos a título póstumo

O alcalde tamén anunciou a concesión do recoñecemento á Coral Polifónica de Candeán.

mércores, 11 feb 2026

Abel Caballero anunciou a concesión da distinción de Vigueses Distinguidos á Coral Polifónica da Unión Veciñal Cultural e Deportiva de Candeán, así como o recoñecemento a título póstumo a Mingos Teixeira e Patricio Sánchez Bello, en recoñecemento ás súas destacadas traxectorias e á súa achega á cidade.

No caso da Coral Polifónica de Candeán, o rexedor destacou que “cumpre 50 anos de historia facendo unha coral de altísimo nivel”. Fundada en 1976, a coral levou o nome de Vigo a numerosos lugares e participando en encontros e certames”, subliñou Caballero.

Así mesmo, o alcalde anunciou a distinción como Vigueses Distinguidos a título póstumo de Mingos Teixeira, a quen definiu como “un pintor de enorme relevancia e un mestre cunha extraordinaria capacidade para transmitir coñecemento”. Caballero lembrou que a súa formación artística se iniciou na Escola de Artes e Oficios de Vigo e que desenvolveu “unha traxectoria brillante, con exposicións en Europa e América, e cun papel esencial no ámbito artístico vigués”.

O segundo recoñecemento a título póstumo recae en Patricio Sánchez Bello, catedrático na área de Estatística e Investigación Operativa, de quen o alcalde salientou “unha vida dedicada á docencia, á investigación e á defensa da ensinanza do comercio na universidade”. Sánchez Bello foi director da Escola de Comercio de Torrecedeira durante dúas décadas e “traballou de maneira decisiva e responsable para a implantación do Grao en Comercio, deixando unha pegada fonda na Universidade de Vigo”.

A Coral de Candeán, Mingos Teixeira e Patricio Sánchez Bello súmanse aos xa anunciados: Ardora, Disgobe, Denso Vigo e a Asociación Provincial de Representantes do Comercio no ámbito empresarial; o Club Deportivo Bembrive Fútbol Sala, o Club Deportivo Nieto, Alfonso González, presidente do Alerta Navia na categoría do deporte; Gonzalo Davila, exdirector de Cáritas Diocesana Tui – Vigo e a Fundación Menela no eido social; e o IES Alexandre Bóveda e o IES Álvaro Cunqueiro no ámbito educativo.

Descargar todas as imaxes