Escoitar

O Concello perpetúa na memoria de Vigo o recordo de Domingo Villar cunha escultura na Alameda

Domingo Villar permanecerá “para sempre” na memoria da cidadanía viguesa polas súas creacións literarias e coa escultura que o representa lendo sentado nun banco da Alameda de Vigo. “Domingo era Vigo, non só era de Vigo, era Vigo”, asegurou Abel Caballero.

mércores, 29 xan 2025

No acto de inauguración da escultura que representa ao escritor sentado nun banco da Praza de Compostela, o alcalde recalcou que Domingo Villar foi “a crónica dun éxito excepcional”. A familia do autor, a primeira tenente de Alcaldía, Carmela Silva e o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, participaron na descuberta da figura este mércores.

Caballero lembrou a transcendencia da Alameda de Vigo na existencia e historia persoal de Villar. “Vivir nesta alameda é vivir no mar, porque isto era o mar e é un privilexio que Domingo coñecía e gozaba”. O alcalde retratou ao literato como “unha persoa marabillosa, amigo dos seus amigos, cunha alma inmensa, e moi xeneroso polo apoio prestado a quen, coma el, querían ser escritores, como Pedro Feijóo”.

Pedro Dobao, autor da escultura, recibiu a felicitación do rexedor pola obra que inmortaliza a presenza de Domingo Villar en Vigo. “Domingo para sempre permanecerá como unha parte da historia da cidade”, sinalou Caballero, asegurando que a inauguración do monumento “é un gran momento porque Villar está aquí para sempre, na súa cidade”.

A familia do escritor agradeceu ao Concello a escultura que fai posible que Domingo Villar permaneza para sempre na memoria e recordo da cidadanía viguesa de presentes e futuras xeracións.

Descargar todas as imaxes