O Concello activa o dispositivo municipal de frío con aloxamento para as persoas sen teito
O goberno municipal mantén operativo o dispositivo de frío para facilitar unha praza de pernocta ás persoas sen recursos ante o descenso das temperaturas por baixo de oito graos e a activación de alertas laranxa ou vermella.
Abel Caballero explicou hoxe que o Concello mantén despregados os recursos municipais para ofrecer as camas dispoñibles tanto no propio albergue, como en hostais e pensións no caso de que se esgotaran as prazas dos primeiros, así como a unidade de rúa, ante o descenso das temperaturas por baixo de oito graos e a activación das alertas vermella ou laranxa. “Garantimos a todas as persoas sen teito un lugar para durmir, polo que todas as persoas que queiran teñen un teito onde durmir a cuberto”, recalcou o rexedor.
O alcalde sinalou que hoxe hai nove prazas dispoñibles no albergue municipal, das que 6 son de mulleres e 3 de homes “que nos gustaría que estean ocupadas por persoas que dormen na rúa”. O albergue municipal atendeu en decembro 1.064 pernoctas. Caballero lembrou que Vigo é a única cidade de Galicia que conta cun albergue municipal e que as cidades gobernadas polo BNG ou polo PP carecen desta infraestrutura social.
Axudas de emerxencia
A comisión de axudas de emerxencia aprobou esta semana a concesión de 45 axudas por valor de 11.664 euros. Destas, 13 foron para alimentación por valor de 4.345 euros, así como 18 para alugueiro por 6.875 euros e 14 para subministros por 445 euros. “Evitamos desafiuzamentos para 18 familias”, afirmou. Desde o inicio do ano, o Concello aprobou 176 axudas por valor de 62.000 euros.