Abel Caballero: “Seguimos avanzando na gran reforma da Avenida de Madrid”
A Xunta de Goberno Local aprobou, cun importe de 227.131€, a contratación do servizo de asistencia técnica á dirección de obra do proxecto de remodelación da Avenida de Madrid. O rexedor vigués tamén informou do acordo con Zona Franca para o alugueiro dos terreos nos que se sitúa a grada de Río do estadio municipal de Balaídos.
O alcalde de Vigo explicou que “seguimos avanzando na gran reforma da Avenida de Madrid”, tras a aprobación en Xunta de Goberno Local, cun importe de 227.131€, do expediente de contratación do servizo de asistencia técnica á dirección de obra do proxecto de remodelación da Avenida de Madrid.
O cómputo total da obra ascende a 16,8 millóns dos que o “Goberno de España financia o 70%, con 11,7 millóns de euros”, mentres que o Concello de Vigo achega 5,1 millóns. Trátase dunha obra de 2,4 km coa que “imos integrar a Avenida de Madrid na trama urbana de Vigo para que sexa unha rúa máis da cidade”. Finalmente, Caballero destacou que “a obra iniciarase en canto se apague o Nadal de Vigo”.
Terreo da grada de Río
O rexedor informou este venres que “os terreos nos que se sitúa a grada de Río son de Zona Franca” con que vén de acordarse a prórroga do alugueiro durante 49 anos máis cun custo de 23.400€ anuais.
Esta ampliación de 49 anos comezará a contar a partir do exercicio 2031. Caballero desvelou que deste modo “podemos avanzar na firma do convenio co Real Club Celta de Vigo para o uso das instalacións de Balaídos”. “A colaboración é magnífica, moi boa para Vigo, moi boa para o Celta e para Concello e Zona Franca”.