A Policía Nacional recoñece a continua colaboración do Concello de Vigo
Abel Caballero recolleu este xoves, na celebración do "Día da Policía", a placa concedida ao Concello en recoñecemento á continua colaboración coa Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela. No acto participaron o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca, David Regades.
O alcalde destacou que o ben máis prezado dunha cidade é a seguridade. “Vós garantídelo con profesionalidade por iso tedes o noso respecto”, afirmou. Acto seguido lembrou que os profesionais da comisaría de Vigo recibiron o recoñecemento da cidadanía viguesa coa concesión da Medalla de Ouro da Cidade, á vez que volveu trasladar o “tributo e homenaxe” en nome propio e no da urbe.
Caballero comprometeu a continuidade da cooperación entre as forzas de seguridade e destacou a “capacidade” da Policía de manter “un estado activo e seguro”, así como o apoio que representan a xuíces, fiscais e a toda a estrutura social.