Escoitar

A sinatura do convenio coa Congregación de Hermanitas permitirá ordenar urbanisticamente a zona

luns, 4 xuñ 2001
O alcalde de Vigo, Lois Pérez Castrillo, e a superiora da Congregación de Hermanitas de los Ancianos Desamparados, sor Ana María Grande, asinaron un convenio sobre o futuro do antigo asilo de Pi i Margall que permitirá ordenar urbanisticamente a zona e obter a financiación necesaria para a construcción do novo asilo de anciáns situado na parroquia de Alcabre, que será inaugurado o 16 de xuño.

Coa sinatura deste convenio non haberá que recorrer a unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Urbana, xa que a proposta acordada se pode incluír no Plan Especial do Barrio Histórico. Castrillo explicou que o convenio conseguiu o visto bo do Consello da Xerencia de Urbanismo e, na vindeira sesión, presentarase o avance do Plan Especial do Casco Vello, no que se prevé materializar este acordo e outros que permitirán que esta zona gañe poboación.

No documento recóllense aspectos como a construcción dun novo mirador no paseo de Alfonso XII e a apertura dun vial entre Torrecedeira e a rúa Poboadores. A urbanización dos terreos levará aparellada a cesión ó Concello dun importante número de prazas de aparcamento que serán reservadas para uso dos residentes no barrio, o que vai permitir a peonalización do mesmo.