Escoitar

Trasmundi presenta o seu primeiro traballo ”Raianos”

xoves, 31 mai 2001
imx289.jpg
O grupo musical “Trasmundi” presenta o primeiro disco ”Raianos” na programación do ciclo “XERACIÓN 2000+1”, que organiza a Concellería de Cultura. O concerto celebrarase o sábado 2 de xuño ás 20.30 horas na Sala de Concertos do Conservatorio de Música de Vigo.

Trasmundi é unha formación folk creada hai tres anos por iniciativa de tres músicos: Rosa Gayoso, Xosé Manuel Fernández e Moisés Quintas. A primeira, especialista en violín, zanfona e voz: o segundo, en piano, teclados e acordeón: e o terceiro, en frautas, guitarra, mandolina e gaita.

No momento da creación do grupo, os tres músicos participaran xa en distintas formacións, tanto de música clásica como de tradicional e popular. “Trasmundi” naceu co convencemento de realizar unha actividade musical baseada en composicións propias, sen obxectivos de encadrarse en estilos concretos e deixando de lado as aspiracións comerciais. O son do grupo, en tódalas súas interpretacións, ten un marcado carácter acústico e sempre está moi traballado e elaborado, a fin de acadar unha pegada peculiar e orixinal.

Froito do traballo destes tres anos foi a aparición do seu primeiro traballo discográfico, denominado “Raianos”. O disco foi considerado xa pola crítica como a experiencia musical máis elaborada dentro do folk de Galicia. A concepción básica deste traballo pasa por unha grande elaboración e madurez dos temas, nos que se mesturan á perfección os textos, a música e as voces. O resultado, en dicir dos expertos, é unha serie de pezas absolutamente exquisitas.

“Trasmundi”, como tódolos grupos, evolucionou nos seus tres anos de vida artística, tanto no son, totalmente inconfundible, como na súa formación.

Na actualidade compoñen o grupo seis músicos. Os tres fundadores: Rosa Gayoso (violín e voz), José Manuel Fernández (piano, acordeón e teclados), Moisés Quintas (frautas, guitarras, mandolina e gaita): e tres novas incorporacións: Marcos Rivera (guitarra acústica), José Luis Lorenzo (baixo eléctrico) e Marcos Vázquez (percusión e batería).
Un concerto no que quedará plasmado o sentimento puramente galego, interpretado dunha forma moderna, actual, espectacular e cun gran sentido profesional.

Descargar todas as imaxes