Escoitar
“O rey Lear”, de William Shakespeare: Un clásico baixo un prisma moderno

La Danaus representa ” O rei Lear” na Praza do Rei

mércores, 30 mai 2001
imx281.jpg
Shakespeare chega, o xoves día 31, ó festival de teatro “MOARE”, que organiza a Concellería de Cultura, da man dun dos grupos teatrais máis innovadores da actualidade en España: La Danaus.

Trátase dun espectáculo no que os actores e o público participan por igual na trama. Unha adaptación da obra clásica baixo un enfoque totalmente moderno, pensada para a súa interpretación na rúa, co escenario completamente inmerso entre os espectadores. É o primeiro espectáculo teatral de altura que se representará en Vigo lonxe dun escenario tradicional: a praza do Rei, ás 22.30 horas, será o recinto improvisado do drama que escribiu Shakespeare.

Non é a primeira vez que a compañía La Danaus acomete esta obra clásica. Ó contrario, é a terceira adaptación que realiza o grupo dende que comezou a súa andadura alá polo ano 1991. A primeira das versións de “El rey Lear” foi concibida en 1994, baixo o título de “Niento, Niento, Niento” e dirixida por Dick Van der Pijl. Tratábase dun espectáculo baseado no mimo e na máscara. Esta experiencia foi perfeccionada co paso dos anos, ata que chegou a segunda das versións de “El rey Lear”, producida en 1999 e na que xa se inseriu ó espectador no espacio da propia representación.

Como consecuencia das dúas adaptacións anteriores, xorde esta nova versión, realizada e dirixida por Kike Blanco, na que os actores reflicten a acción de Shakespeare centrándose na historia do rei Lear e das súas tres fillas (dúas delas, fillos). Para a escenografía, La Danaus utiliza todo tipo de expresións gráficas e audiovisuais, mediante as que o espectador é abordado continuamente polos actores ata acadar un todo que supón profundar de xeito importante no drama shakesperiano.

Máis de catorce adaptacións de obras teatrais de distintos autores e épocas compoñen a bagaxe da compañía La Danaus. Todas elas lle proporcionaron o recoñecemento como un dos mellores grupos de teatro vangardista do continente europeo, como o demostran as súas participacións en festivais en Francia, Italia, España, etcétera.

As versións teatrais de La Danaus son sinónimos de actuacións na rúa, en recintos abertos que se adaptan en cada caso ás necesidades non só da obra en si, senón da intención que o grupo pretende acadar en cada unha delas.

A experiencia dunha representación desta envergadura na rúa supón un reto máis na programación teatral que este ano preparou a Concellería de Cultura. Todo un acontecemento vangardista na cidade de Vigo.

REPARTO

Nacho Pérez
Yolanda García
Beatriz González
Roberto Gómez
Javier Rodríguez
Evaristo Fuentes
Jesús Fernández
Cristina Tascón
David Climent
Joan Manrique

ADAPTACIÓN E DIRECCIÓN

Kike Blanco



Descargar todas as imaxes