Escoitar

O Goberno municipal aproba diversos proxectos de obras nos barrios

luns, 4 xuñ 2001
A Comisión de Goberno decidiu hoxe contratar por medio dunha poxa diversas obras en distintos barrios da cidade. A máis importante é a mellora do saneamento na rúa Pi i Margall, entre as rúas Falperra e Chile.

A rede de saneamento nesa zona é moi antiga e presenta un alto grao de deterioro, o que ocasiona frecuentes avarías. O Concello vai investir 44 millóns de pesetas para instalar unha nova conducción, repoñer os sumidoiros e colocar novas acometidas ás casas.

Outra obra que se contratará por medio dunha poxa é a de renovación da rede de fornecemento de auga potable na avenida da Florida, no treito comprendido entre as rúas Carballa e Manuel de Castro. Neste caso, substituiranse ao redor de 300 metros da vella tubería por outra de mellor calidade, o que custará 13 millóns e medio de pesetas.

A terceira obra que se aprobou hoxe é a de renovación de beirarrúas na rúa da Paz, entre Jacinto Benavente e Torrecedeira. Farase unha beirarrúa nova, colocarase granito nas entradas aos garaxes, canalizarase o alumeado e a rede semafórica, habilitaranse dársenas de carga e descarga e suprimiranse as barreiras arquitectónicas. O presuposto da obra é de 10 millóns de pesetas.

Convocatoria de subvencións da Concellería da Muller

Aprobáronse as bases da convocatoria de subvencións deste ano da Concellería da Muller. Serán 12 millóns de pesetas que se distribuirán entre as asociacións e vocalías da muller que organicen actividades dirixidas a fomentar o asociacionismo feminino e a promover a igualdade de oportunidades entre ámbolos sexos.

Dotación informática ás asociacións cívicas

Aprobouse un programa de dotación informática ás asociacións cívicas mediante un prego de condicións ó que se acollerán nove colectivos. As previsións apuntan a que, no 2003, serán 52 as asociacións que dispoñan destes servicios. O obxectivo de ofrecerlles material informático ás asociacións cívicas é o de facilitarlles ós cidadáns o acceso ás novas tecnoloxías.