Escoitar

O Concello reforza o servizo de autobús urbano para a nova edición de O Marisquiño

Caballero anunciou que se deseñou un servizo especial nocturno que incrementará as frecuencias da liña N1 que conecta Samil co centro da cidade.

xoves, 1 ago 2024

O rexedor vigués confirmou esta mañá que con motivo da nova edición de O Marisquiño, que se celebra os días 8, 9, 10 e 11 de agosto, o Concello de Vigo porá en marcha un servizo especial de bus urbano. Este reforzo conectará as diferentes zonas nas que se desenvolve a competición para facilitar os desprazamentos dos asistentes. As liñas habituais que chegan ao areal de Samil serán reforzadas segundo demanda: C3, 4C, 10, 15A, 15B, 15C e 23.

Ademais, deseñouse un servizo especial nocturno que reforzará a liña N1, que conecta Samil co centro da cidade cunha frecuencia media de 25 minutos. O rexedor engadiu que, “teremos habilitado tamén este ano o carril calmado da Avenida Europa, que facilita o tránsito de bicicletas e Vehículos de Mobilidade Persoal”. Finalizou Caballero anunciando que este ano “teremos máis prazas de estacionamento para persoas de mobilidade reducida”.

Axudas de emerxencia

Abel Caballero informou esta mañá da resolución positiva, na última comisión de axudas do Concello, da concesión de 33 axudas de emerxencia por valor de 20.137 euros. Destacan as 24 concedidas para aloxamento e alugueiro por un importe de 17.526 euros. O rexedor sinalou “que no que vai de ano levamos 2.691 axudas por un importe de 926.760 euros”.

Descargar todas as imaxes