As obras de renovación do pavimento nas rúas República Arxentina e Rosalía de Castro comezarán en setembro
A Xunta de Goberno Local aprobará a pavimentación da totalidade da rúa República Arxentina, así como o tramo entre a rotonda de Rosalía de Castro e a rúa Pontevedra, cun investimento de 183.354 euros. “Trátase da mellora dun tramo de máis de medio quilómetro de extensión”, apuntou Abel Caballero ao avanzar que as obras servirán para mellorar as condicións de seguridade viaria.
Abel Caballero explicou hoxe que as obras de pavimentación de toda a rúa República Arxentina, máis o tramo entre a rotonda de Rosalía de Castro e a rúa Pontevedra, comezarán en setembro e contarán cun prazo de execución de dous meses.
“Unha actuación dunha parte moi importante da cidade, que vai beneficiar, tamén, a todas as persoas que se moven nesa contorna”, afirmou o rexedor. As obras a realizar, ademais da reposición de toda a pavimentación da rúa, tamén afectan á sinalización horizontal, así como ás arquetas.