Vigo renova a distinción como "Cidade da Ciencia e da Innovación"
Abel Caballero anunciou este martes que o Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades concedeu, por segunda vez consecutiva, a distinción a Vigo como “Cidade da Ciencia e a Innovación”, outorgada por primeira vez en 2020, en recoñecemento ao esforzo e aposta realizada pola innovación en todos os grandes proxectos que desenvolve o Concello na cidade.
Caballero explicou hoxe que o Ministerio de Ciencia Innovación e Universidades valorou o concepto de Vigo como “cidade da industria, da empresa, da economía, da investigación e do I+D e, ademais, valorouse moito as tecnoloxías que utilizamos nas novas formas de transporte como os ascensores, as escaleiras mecánicas, ou as ramplas mecánicas”.
O alcalde incidiu en que as distincións son o recoñecemento dunha forma de facer “smart cities, unha cidade moderna e intelixente, e da tecnoloxía posta ao dispor da xente de forma gratuíta para todos os cidadáns".
Caballero destacou que o novo premio únese aos 23 galardóns que recoñecen o esforzo que realiza o Concello para ter unha cidade máis eficiente e humana no ámbito das Smart Cities.
Entre os premios á cidade contabilízanse o galardón do LOOP Desing Awards ao HALO, o da publicación Elevator Wolrd polas ramplas de Gran Vía, así como “Proxecto do Ano” en materia de mobilidade, e o de Socinfo Dixital “Galicia TIC” na categoría de administracións públicas polo Xemelgo Dixital. A estes súmanse a mención especial nos premios nacionais de Comercio, a medalla de Platino da Asociación Técnica para a xestión de residuos e Medio Ambiente e o concedido á labor de CEDRO na erradicación de hepatite vírica.