Aprobado o crédito extraordinario para o plan de acondicionamento de vivendas en alugueiro
O pleno da corporación municipal aprobou este luns, cos votos a favor dos concelleiros do PSOE e do PP, e a abstención dos edís do BNG, o crédito extraordinario de 885.130 millóns euros. Con este financiamento, Urbanismo poderá poñer en marcha, entre outros proxectos, o programa de axudas para acondicionar vivendas privadas destinadas ao alugueiro.
O goberno municipal porá en marcha xa en 2024, tanto o programa destinado a axudar aos propietarios particulares a acondicionar as súas vivendas para que saian ao mercado do alugueiro, como os novos investimentos a realizar nos terreos da contorna do Ifevi e do Lagares, ademais de actuacións urbanísticas nas prazas de Moledo e de Pescadores, e no aparcamento de Becerreira, en Cabral.
A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, recalcou que o Concello constatou, pola falta de consumo de auga no últimos seis meses, que 12.800 vivendas en Vigo están baleiras, de aí a estratexia deseñada polo goberno municipal para “animar” aos propietarios ao aluguer. Establécense así axudas de ata 8.000 euros para realizar obras de acondicionamento, custo dos seguros multirriesgo e de alugueiro, e o pago do cento por cento do certificado de eficiencia enerxética.
“Hai moitos inmobles que se poden acoller a esta modalidade”, explicou a responsable de Urbanismo, ao lembrar que ata final de ano o Concello destinará 150.000 euros a este programa e que a dotación aumentará en próximos exercicios.
A portavoz do PP, Luisa Sánchez, xustificou o apoio do PP á proposta do goberno municipal por tratarse de “medidas que son favorables para os vigueses”.
Urbanización
Entre os acordos aprobados, cos votos a favor do PSOE, a abstención do PP e o rexeitamento do BNG, atópase a aprobación do Plan Especial de Reforma Interior da Unidade de Actuación UA-1 Ceán, en Coruxo.
María Xosé Caride sinalou que o proxecto contempla unha reserva dun 30 por cento para vivenda en réxime de protección. A urbanización contará cun parque de 710 metros para xogos, así como unha parcela de 355 metros para uso dotacional.