Vigo acolle a carreira solidaria "Ponle freno" para este domingo dende o Paseo de Alfonso
A carreira Ponlle freo chega a Vigo este domingo (10:00 horas) coa colaboración do Concello e a organización de Atresmedia. Caballero avanzou que a proba terá principio e fin no Paseo de Alfonso, con saída única e dúas distancias de 5 e 10 quilómetros.
A carreira "Ponle freno" chega a Vigo este domingo (10:00 horas) coa colaboración do Concello e a organización de Atresmedia. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe o evento, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por responsábeis da organización e de Stop Accidentes, a fundación que vai recibir a contía íntegra das inscricións.
Caballero avanzou que a proba terá principio e fin no Paseo de Alfonso, con saída única e dúas distancias de 5 e 10 quilómetros (unha ou dúas voltas ao circuíto que chega ata o remate de López Mora e que logo retornará por Camelias). “Ofrézovos a cidade cada ano para poder repetila”, dixo o rexedor. Vigo xa acolleu unha proba este circuíto de carreiras a prol da concienciación viaria en 2016, cando eran catro cidades sede. Nesta edición serán dez as urbes, dende marzo a decembro.
Pablo López-Barajas, director de Atresmedia Eventos, agradeceu a presencia tanto de Martín Fiz, campión do mundo de maratón (1995), como do olímpico vigués Javier Álvarez Salgado, a quen lle recoñeceu que “os pioneiros fixeron que moita xente popular saíse a correr”, e explicou que calculan xa “máis de mil corredores o domingo en Vigo”, aínda que a inscrición está aberta ata o sábado ás 14:00 horas. Haberá carreiras de nenos e nenas, rematada a sénior.
Francisco Parra, director territorial oeste de AXA, a aseguradora que patrocina o evento, cualificou o circuíto como “a mellor iniciativa de seguridade viaria que existe en toda España” e Jeanne Picard, delegada de Stop Accidentes, incidiu en que “Ponlle freo fai campañas que chegan á xente”.
O percorrido, con liña de saída no Paseo de Alfonso, irá por Pi y Margall, López Mora, Camelias, Álvaro Cunqueiro (pola esquerda, en sentido inverso á circulación), Camelias, Venezuela, Taboada Leal, Ronda de Don Bosco, Eduardo Iglesias, Progreso, Pracer, Paseo de Granada, Cachamuíña, Falperra e remate no Paseo de Alfonso.
O sábado poderanse recoller os dorsais no Centro Comercial Gran Vía (11:00-20:00 horas).