Escoitar

Emilia Pardo Bazán, protagonista do Día do Libro na Porta do Sol

O Concello, a través da Oficina Municipal de Voluntariado, organizou este 23 de abril unha lectura pública dedicada á novela “Os Pazos de Ulloa” de Emilia Pardo Bazán.

martes, 23 abr 2024
O alcalde coas persoas participantes na lectura pública na Porta do Sol
O alcalde coas persoas participantes na lectura pública na Porta do Sol

Abel Caballero participou este martes na celebración do Día do Libro dando lectura na Porta do Sol a diferentes fragmentos de novelas de Emilia Pardo Bazán nun acto ao que se sumaron voluntarios municipais, encabezados por Marisé Pérez Mariño e Ramón Ilarri, xunto á cidadanía viguesa, que foron lendo partes de “Os Pazos de Ulloa”.

O alcalde agradeceu o labor que realiza, non soamente nesta xornada senón durante todo o ano, o persoal que forma parte do voluntariado cultural municipal achegando, por exemplo, a lectura a diferentes colectivos en colaboración coa Biblioteca Municipal Neira Vilas. O pasado mes de marzo realizaron lecturas dedicadas á muller, á “Xeración Beat”, grupo de escritores americanos dos anos 40-50 e no mes de febreiro, organizaron unha homenaxe ao escritor Julio Cortázar.

Ademais, durante esta xornada haberá actividades no MARCO: unha charla coas escritoras María Rod, María Solar e Raquel Campos Pico, que contarán a súa experiencia no mundo literario (Salón de Actos) e haberá un bookcrossing, con depósito de libros por distintas partes da cidade. O Museo acollerá o xoves 25 “MARCO Conversas” con Rosendo Cid e Manuel Vilariño e o venres 26 “MARCO Conversas” con Din Matamoro e Teresa Moro.

A Biblioteca Neira Vilas celebra o venres o ciclo “Contos Dakí: Ángeles Goás”, con contos rescatados de tradición oral.

Vitrasa súmase á celebración do 23 de abril cunha campaña de fomento da lectura. As persoas que utilicen hoxe os autobuses das liñas C1, 4, 5 e C3 poderán intercambiar os libros nun total de 29 autobuses.

O alcalde coas persoas participantes na lectura pública na Porta do Sol
Descargar todas as imaxes