O servizo de teleasistencia do Concello realizou 6.128 chamadas no mes de marzo
O alcalde puxo en valor o “inmenso éxito” deste servizo municipal que o pasado mes de marzo atendeu 717 persoas usuarias, a maioría delas mulleres de entre 86 e 90 anos que viven soas.
O servizo de teleasistencia do Concello atendeu 717 persoas en marzo, sendo o total de usuarios rexistrados de 707 dado que se produciron suspensións temporais, principalmente por traslado con familiares.
Tal e como explicou Abel Caballero en rolda de prensa, o perfil da persoa usuaria media do servizo é o dunha muller que vive soa, cunha idade comprendida entre os 86 e os 90 anos, capacitada e independente para as actividades básicas da vida diaria e que solicita o servizo para poder residir no seu domicilio o maior tempo posible. Segundo os datos do servizo, do total de persoas usuarias 206 son mulleres entre 86-90 anos, 166 son mulleres de entre 81-85 anos, 114 mulleres de entre 91-95 anos e 84 mulleres de entre 76 e 80 anos. “A atención é inmediata, en canto apertan o botón” e ademais o servizo realiza con frecuencia “chamadas de control” para comprobar que as persoas usuarias se encontran en boas condicións, apuntou Caballero.
Durante o mes de marzo a teleasistencia do Concello realizou 6.128 chamadas, 4.879 chamadas de periodicidade semanal para coñecer o estado das persoas usuarias no caso de que non teñan contactado co servizo; 223 chamadas de recordatorios de tratamentos, 109 chamadas de seguimento especial para situacións nas que os usuarios requiren un seguimento exhaustivo, 62 chamadas de aniversarios e 9 chamadas a persoas ingresadas en hospital.
O Concello de Vigo dedica ao servizo de teleasistencia 150.000 euros, case 40.000 euros máis que o ano pasado, prestándoo de maneira gratuíta, ao contrario do que sucede coa teleasistencia da Xunta de Galicia que o usuarios “teñen que pagar”, explicou o rexedor.