A Corporación de Vigo demanda o aumento das prazas presenciais de Formación Profesional
A Corporación Municipal aprobou no pleno deste luns a moción do PSdeG-PSOE, que contou co apoio do grupo municipal do BNG, coa que instan á Xunta a aumentar o número de prazas de Formación Profesional en Vigo e rexeitan a eliminación de 2.000 prazas.
A oferta actual de Formación Profesional pública en Vigo é manifestamente insuficiente cualitativa e cuantitativamente como consecuencia da redución de prazas e de ciclos de carácter presencial". Así se expresou este luns a concelleira de Educación, Olga Alonso, ao presentar a moción do grupo socialista para instar á Xunta a aumentar a oferta tanto en prazas como en especialidades de formación, e para demandar a incorporación de competencias emerxentes como innovación, dixitalización, sostibilidade ou emerxencia climática.
A edil asegura que no presente curso a oferta pública minguou con respecto á de 2022-2023 como consecuencia da supresión de preto de 2.000 prazas de clases presenciais, repartidas entre 70 ciclos e 600 prazas da oferta ordinaria e máis de 40 clases e 1.200 postos para adultos. Fronte á diminución da docencia presencial, a docencia en liña creceu nun 73 por cento, segundo explicou.
Olga Alonso lamentou os 15 anos perdidos en Galicia cos gobernos da Xunta para mellorar a Formación Profesional en Galicia.