Vigosónico abre o prazo de inscrición para participar na actividade formativa
Xa pode solicitarse a praza para Vigosónico Academia, que impartirá clases de canto, guitarra, baixo e batería de iniciación e obradoiros adaptados a diferentes idades e niveis. Tamén para Vigosónico Campus que ofrece formación musical para apoiar o talento emerxente da cidade.
O alcalde explicou que o Concello pon en marcha este venres, 6 de outubro, a actividade en Vigosónico, o espazo dedicado á música e á mocidade viguesa para unha "atención integral".
Vigosónico Academia servirá para iniciar a mozas e mozos nas diferentes vertentes da interpretación musical con clases de canto, guitarra, baixo e batería, con talleres adaptados a cada participante. Así, as clases agrúpanse por idades: de 10 a 14 anos, de 14 a 18 anos, de 18 a 22 anos e de 22 a 35 anos. Para este fin, a academia contará con profesores cualificados e experimentados na docencia e formación musical, que impartirán formación ata o 17 de xaneiro de 2024.
Vigosónico Campus ofrece formación musical para apoiar o talento emerxente da cidade e a aquelas mozas e mozos que queren dar os seus primeiros pasos na música. Así, orientará e asesorará ao alumnado no seu desenvolvemento musical, organizará concertos, concursos e gravacións para favorecer a integración dos músicos no ámbito musical da cidade.
Na parte formativa, o campus inclúe entre outros talleres de produción de música para videoxogos, do 4 ao 11 de novembro; obradoiro de composición de letras para cancións, do 25 de outubro ao 1 de novembro; taller de organización e produción de espectáculos amais dunha xornada sobre dereitos laborais dos músicos.
As inscricións para Vigosónico Academia e Vigosónico Campus poden realizarse desde hoxe, mércores 4, na web municipal de Xuventude.