Escoitar

O alcalde visita as obras de recuperación dun novo tramo do paseo do río Lagares

Invístense 1,2 millóns de euros en recuperar un tramo de 3,3 quilómetros. O proxecto creará un corredor natural de 28.700 metros, e plantaranse 780 árbores

venres, 15 set 2023

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, percorreu esta mañá, coa concelleira de urbanismo, María Xosé Caride, as obras de recuperación dun novo tramo paseo fluvial do río Lagares que percorre Lavadores e que enlazará o xa construído entre Manuel Álvarez e o mercado de Cabral. A nova actuación intervén e transforma un tramo de 3,3 quilómetros, no que se inverten 1,2 millóns de euros, dos que 428.813 destínanse a expropiacións.

Caballero explicou durante a visita que a ampliación en 785.570 euros do do contrato da obra do tramo comprendido entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid débese aos cambios introducidos no proxecto coa finalidade de mellorar o paseo e de propiciar a adaptación ás condicións do complexo terreo.

Tras lembrar que os 17 quilómetros do leito do río discorren integramente por Vigo, o rexedor destacou que, “o Lagares é unha xoia da natureza", como se constata na zona visitada esta mañá onde unha condución de auga foi transformada nunha fervenza, e onde se construirán pontes de madeira para enriquecer a experiencia do paseo pola nova zona recuperada do paseo fluvial, avanzou que a esta intervención sumarase a recuperación dunha área próxima, que e máis complexa por tratarse dun terreo cunha gran pendente ao lado do leito do río.

Caballero expresou o "orgullo" do goberno de Vigo polo traballo realizado para a recuperación do leito do Lagares, e incidiu en que a través do plan que está en marcha vanse recuperar máis zonas verdes nas partes inundables do río, "onde imos facer unha nova formulación". Tamén destacou a mellora de todo o percorrido do río, ata convertelo no principal corredor ecolóxico de Vigo, permitirá aos vigueses descubrir zonas ata o de agora descoñecidas .

O novo traxecto de Lavadores enmárcase nun corredor natural de 28.700 metros cadrados, que será obxeto de adecuación como zona verde de especial valor natural, e onde se plantarán 140 árbores de gran porte, como carballos e freixos e 640 de menor tamaño.

Descargar todas as imaxes