Escoitar

O Concello dedica máis de 1,2 millóns de euros á mellora da rede de abastecemento municipal

A Xunta de Goberno Local deu conta na sesión ordinaria deste venres da execución de varias obras na cidade, entre elas a extensión do mallado da rede de abastecemento que permite pasar a un trazado reticulado.

venres, 15 set 2023
Foto de arquivo do alcalde durante a visita á humanización de Gregorio Espino onde se renovou abastecemento e saneamento
Foto de arquivo do alcalde durante a visita á humanización de Gregorio Espino onde se renovou abastecemento e saneamento

O alcalde valorou o investimento que supera o 1,2 millóns de euros “para unha mellora importantístima no abastecemento da cidade, na que durante medio século non se fixo nada” para renovar o sistema de redes de abastecemento e saneamento.

Tal e como explicou Caballero, na Xunta de Goberno deuse conta da tramitación do expediente de extensión do mallado da rede de abastecemento municipal por valor de 728.000 euros, que executará Aqualia. Imos renovar e ampliar case 2 quilómetros de tubaxes en varias zonas da cidade. En Lavadores: Baixada ao Capitán (á altura de rúa Recordo), rúa Paz Pardo, Estrada do Vilar, rúa Areeiro, Camiño Escorregada, Camiño da Canteira, rúa Seixos, rúa Pardavila e Travesía Silvana; en Sárdoma: Camiño Pescadeira, rúa Lourido e rúa Santa Lucía e amais, está planificada unha seguinte fase para actuar en Teis, Coruxo, Matamá e novos puntos en Lavadores e Sárdoma.

Esta actuación permite pasar a un trazado reticulado, de xeito que a rede de abastecemento non ten principio nin fin, podendo acceder en cada lugar de formas diversas. Isto facilita a actuación no caso de avaría, xa que ao unirse os ramais entre si a auga pode chegar a un punto determinado por máis dun circuíto, mellorando as condicións do servizo fronte a calquera avaría.

Nos últimos anos xa se acometeron actuacións para o mallado de tubaxes en Carrasqueira (Coruxo), na rúa Cedro, rúa Portela (Lavadores), e no contorno dos colexios García Barbón, Carballal, Hernán Cortés e Emilia Pardo Bazán

Amais, na Xunta de Goberno tomouse coñecemento da renovación do abastecemento de dúas rúas: na rúa Toledo e a súa contorna, por un importe 225.000 euros, renováronse as tubaxes que xa tiñan superada a súa vida útil e na rúa Salceda de Caselas renovouse o colector, que foi construído a mediados do século pasado, e urxía o seu cambio cun investimento de 130.000 euros. No caso da rúa Marcelo Currás, entre o número 40 e o 50, o goberno municipal renova as redes de saneamento e abastecemento por 150.000 euros, o que permitirá mellorar “o número importante de roturas que se producían nesa zona”.

Descargar todas as imaxes